A Deputación doou neste 2022 máis de 700 plantas ornamentais de Areeiro para embelecer os xardíns públicos da provincia

Trece concellos s0licitaron un total de 443 exemplares e tamén foron beneficiados cinco centros escolares e catro entidades da provincia
 

29/12/2022

A Deputación de Pontevedra fixo un total de 754 doazóns de plantas ornamentais da Estación Fitopatolóxica de Areeiro para que concellos, centros educativos, entidades, institucións e particulares puidesen enriquecer ao longo deste 2022 os xardíns abertos ao público na provincia. A institución puxo en marcha esta iniciativa no ano 2021 co obxectivo de incrementar a diversidade botánica e o patrimonio vexetal dos parques e xardíns, amais de mellorar o espazo público e preservar os valores ambientais. Amais, estas doazóns teñen tamén como finalidade servir de recurso educativo e turístico dos espazos onde se plantan. 

Concellos, institucións e persoas puideron así solicitar excedentes das plantas cultivadas no viveiro da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, onde anualmente se reproducen con sementes e se propagan con esgallos especies vexetais para realizar diferentes estudos e conservar a diversidade vexetal da provincia. Este ano houbo 91 especies para elixir, e entre as máis solicitadas, figuraron diversas variedades de camelias, como xapónicas, williamsii e sasanqua, así como gardenias, magnolias, rododendros,  piñeiros, liquidámbar, ficus ou árbores ginkgo biloba entre outros.

En concreto, doáronse 754 exemplares entre unha trintena de concellos, asociacións e fundacións e centros escolares da provincia. En concreto, foron 13 os municipios beneficiados cun total de 443 plantas: Pazos de Borbén, Mondariz-Balneario, Poio, A Guarda, Cangas, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Marín, Redondela, O Grove, Caldas de Reis, Gondomar e Vilanova. No que atinxe aos centros escolares, beneficiáronse o Colexio Sagrado Corazón de Praceres-Fundación Educativa Sofía Barat, o Colexio Espiñeiro de Portonovo (Sanxenxo), o CRA de Meis; o CEIP Plurilingüe de Nantes (Sanxenxo) e o CEIP A Xunqueira de Pontevedra. E, por último, tamén recibiron plantas a Asociación Peneirando o Monte, a Asociación Poza da Moura e a Casa Museo de Rosalía de Castro, mentres que a ANPA do Colexio Vilariño recibiu 160 sementes de camelia.

Como condición á doazón das especies vexetais, as persoas e entidades beneficiarias deben colocar xunto aos exemplares cunha placa de identificación, na que ten que figurar o xénero botánico e a especie da que se trata, o nome común e o Código QR para acceder á información da planta de maneira telemática. No caso de se trate dunha camelia, a placa deberá levar tamén o logo da colección de camelias da Deputación de Pontevedra. Estas fichas técnicas serven, amais da identificación, para reforzar o carácter educativo e turístico destes xardíns e das áreas integradas nestas doazóns.
 

Ligazóns de interese