A Deputación estrea ‘Acordamos’, un documental de memoria histórica centrado nas loitas de principios do século XX

María Ortega: “O audiovisual é o punto de inicio para espallar as ideas que o fascismo quería eliminar: os avances no agrarismo, sindicalismo, economía ou na educación”

20/06/2023

A Deputación, a través do Departamento de Memoria Histórica, estrou hoxe o documental ‘Acordamos’, un proxecto que dá resposta a unha das demandas recorrentes dos colectivos memorialistas: sinalizar os lugares de memoria. Nesta ocasión as ubicacións da cinta teñen que ver coas loitas de principios do século XX: en Sobredo fálase de avances no agrarismo; en Moaña dos sindicatos mariñeiros; en Lérez, da loita veciñal contra os abusos caciquís; na Illa, da loita política; en Tomiño, da batalla que deu o profesorado por crear un ensino libre; e en Vilagarcía, da resistencia e a guerrilla.

A peza reúne testemuñas de familiares e persoas investigadoras xunto á música de Uxía, Quilma e As Divinas, Malvela, Celina da Piedade e Ana Santos, Wöyza e María Faltri, Antía Muíño e Luis Pastor, Treixadura e Sondarúa. A idea orixinal é do Departamento de Memoria provincial, a dirección artística correu da man de Uxía, Lucas Terceiro está na dirección técnica e realización, Tito Ledesma no son en directo, Conchi Carro na produción e Carmen Conde no guión e condución.

Segundo destaca a deputada María Ortega, ‘Acordamos’, é a segunda volta do proxecto ‘Acorda’, un primeiro documental-cartografía no que se puxo o foco sobre lugares moi singulares de represión franquista. Esta segunda entrega, subliñou a nacionalista, aposta por dar máis importancia á transmisión interxeracional da memoria unindo lembranzas de persoas maiores e a necesidade de coñecemento das persoas máis novas.

No documental, de feito, mistúranse figuras consagradas como Celina da Piedade, Malvela ou Luís Pastor con xente nova como Antía Muíños, Wöyza ou Son da Rúa, contando ademais con colaboracións moi especiais de rapazada, que participou na gravación dos vídeos tanto en Moaña como en Tomiño.

A deputada Ortega quixo sinalar tamén que a estrea do documental é un dos actos finais do departamento no mandato. Destacou, sen embargo, que supón o punto de inicio para seguir a espallar o contido, as ideas que o fascismo quería eliminar, dun xeito diferente. Subliñou que aínda que non será posible editar un libro como na primeira ocasión, distribuirase o audiovisual entre as asociacións para que o proxecten cantas veces queiran.

“Recuperar a memoria da xente do común, labrega, mariñeira, docente, que se xuntaba para intentar conformar colectivamente unha Galiza máis xusta non é só a mellor homenaxe que podemos facerlles. É o mellor caxato que temos para avanzar co paso firme na construción da sociedade que soñaron e lles foi arrebatada”, salientou.

Pola súa banda, a directora artística Uxía, tamén sinalou que ‘Acordamos’ debe ser o punto de arranque de novos traballos para loitar. Salientou a necesidade de recoñecer o labor feito polo departamento de Memoria nos últimos catro anos e reivindicou que “a memoria non debe desaparecer do mapa”.

Os lugares da loita

Uxía indicou xusto antes de proxectar ‘Acordamos’ que a peza non é só diferente no contido a ‘Acorda’, por falar de loita en lugar de represión, senón tamén é diferente musicalmente,. O repertorio de cancións do documental ten relación coa historia que se conta en cada lugar e nalgúns casos, como Moaña, foron compostas expresamente para ‘Acordamos’, como a de Wöyza, quen conta no documental a súa historia familiar. Tamén é orixinal e compúxose expresamente para o documental, a banda sonora que acompaña toda a metraxe, interpretada por Uxía.

Sobredo, unha das localizacións da gravación de ‘Acordamos’, é un símbolo das revoltas coas que o pobo galego se enfrontou ao sistema caciquil no cambio de século.  Rodouse alí coincidindo coa conmemoración -o pasado 28 de novembro- do centenario do asasinato de Cándida Rodríguez e de Joaquín Estévez e Venancio González, dirixentes agrarios, durante unha protesta contra o abuso dos foros. Entre as persoas expertas que falan no documental está Marga Romero,  da asociación Mártires de Sobredo, xunto á escritora María Reimóndez.

A peza que se toca, sendo unha vila transfronteriza, é unha canción portuguesa lixeiramente transformada na letra e “moi combativa” que vindica que a terra é de quen a traballa, segundo Uxía. Alí  gravaron Malvela e Celina da Piedade. 

En Moaña reivindícase a xente do mar e a súa loita sindical, desde Fraternidade Mariñeira, co testemuño de Luís Chapela, activista da memoria desde hai décadas. A canción interpretada foi composta por Woyza ad hoc para este emprazamento baixo o título de ‘Ruxe’ e cántaa en compaña de María Faltri e rapazada do IES de Moaña.

A seguinte parada do documental é Lérez, unha parroquia pontevedresa que en tempo da II República desenvolveu unha novidosa iniciativa para non depender da usura dos bancos: xente da sociedade agraria abriu a Caixa Rural de Lérez que funcionaba de xeito cooperativo. O vídeo gravouse na actual Casa de Cultura, que está nun local incautado á veciñanza tras o golpe e que a parroquia volveu recuperar na democracia. No audiovisual fala Xosé Álvarez Castro, historiador e testemuña dese proceso de recuperación, mentres que a canción dá de novo o protagonismo é de xente moza. O grupo SondaRúa interpreta o seu tema ‘Éxodo’ – peza na que se queixan de como a xente moza ten que volver a marchar como fixeron avós e avoas-, pero con cambios na letra adaptados a este proxecto.

A Illa de Arousa e o intento de proclamación dunha república independente realizado por un grupo de republicanos reunidos na taberna o Nicho en outubro de 1934 é o episodio escollido para representar a loita política en ‘Acordamos’. O historiador Juan Otero ‘Genito’ é unha das testemuñas e a canción, unha do grupo rock da Illa ‘’Quilma’, que canta xunto a mulleres da coral ás que no proxecto se chama ‘As Divinas’.

En Tomiño, a Escola Aurora del Porvenir, é outro dos lugares escollidos para representar o modelo educativo da II República e para homenaxear a emigración galega que mandou cartos para construír escolas nas súas vilas ou parroquias. Fala na peza a historiadora Natalia Jorge e a canción que se interpreta é ‘Los olvidados’ de Pedro Pastor da man de dúas xeracións distintas: a cantautora galega Antía Muíño fai un dueto co consagrado Luís Pastor, que fan unha versión con parte da letra traducida ao galego e con alumnado do colexio como participante de excepción.

O audiovisual pecha no Xiabre como símbolo da resistencia que o pobo galego impuxo ante o golpe. Destacouse que o relato interesado do franquismo quixo etiquetar Galiza como un pobo submiso que recibiu o ditador cos brazos abertos, cando foron moitas as mostras de resistencia. Fala Marcelino Abuín dos moitos loitadores que converteron o monte no seu fogar, e que co tempo as cuadrillas de xente fuxida deu paso á guerrilla. A canción interpretada neste lugar é ‘Inda canto’ de Treixadura, que fala precisamente da estadía dos fuxidos en Lobeira. 

Galerias de imaxes

videos