A Deputación renova o servizo de retirada de vehículos abandonados nos concellos de menos de 50.000 habitantes

A institución provincial aproba o convenio para a nova prestación do servizo, ao que se teñen que adherir os concellos, dotado de 22.000 euros para 2024 e 2025

23/11/2023

A Deputación de Pontevedra renova o convenio para prestar o servizo de retirada de vehículos abandonados nos concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, adheridos. O contrato actual do servizo, que se realiza a través dunha empresa externa, rematará o 31 de decembro deste ano, polo que a institución provincial acaba de aprobar a súa continuación por outros dous anos (prorrogable por dúas anualidades máis) e cun investimento inicial de 22.000 euros para 2024 e 2025.

O servizo licitarase, e a empresa que resulte adxudicataria encargarase, entre outras cuestións, da recollida e transporte dos vehículos que se consideren residuos domésticos e que se atopen en vías públicas, cunetas, montes, espazos privados ou depósitos nun prazo máximo de 5 días desde o requirimento do concello. Despois, someteranse a procesos de desmonte e descontaminación, e os residuos derivados entregaránselles  a xestores autorizados para tratar vehículos ao final da súa vida útil.

A retirada e posterior xestión dos vehículos abandonados é unha competencia municipal. A Deputación de Pontevedra, como Administración que garante que se presten adecuadamente estes servizos no conxunto do territorio da provincia, renova o seu compromiso cos concellos ao ofrecerlles esta solución que implica que non se teñan que facer cargo economicamente deste servizo.