A ‘Maxia’ de Laxeiro será protagonista de dous obradoiros familiares dentro da programación do Museo polo Día das Artes Galegas

A proposta pretende poñer en valor ao autor como gran fabulador identificado esteticamente co ‘Merlín’ de Álvaro Cunqueiro

06/04/2022

Maxia con Laxeiro

O Museo de Pontevedra vai desenvolver os vindeiros martes 12 e mércores 13 dous obradoiros de maxia para familias centrados na figura de Laxeiro. Deste xeito a institución completa a programación que está a desenvolver ao longo do mes de abril con motivo do Día das Artes Galegas, que inclúe tamén visitas guiadas polas obras do lalinense nos fondos propios, así como outras iniciativas de creatividade para a cativada.

Nos novos obradoiros que se desenvolverán a semana próxima estará presente a figura de Laxeiro dado que a súa pintura conecta directamente coa maxia, el era un gran fabulador, e ademais porque distintos autores o identifican esteticamente co Merlín de Álvaro Cunqueiro.

Durante as sesións que se desenvolverán en grupos para cada xornada (ás 18 horas), as persoas participantes farán trucos sinxelos empregando obxectos do día a día como cartas, moedas, bolígrafos, ou caixas de mistos. As persoas que queiran participar deben escoller unha das datas de celebración e inscribirse a través do correo electrónico reservas.museo@depo.gal.

Esta actividade vaise realizar por parte do grupo ‘Magia en la Manga’, formado por catro ilusionistas profesionais galegos que, despois de anos de experiencia nos escenarios por separado, comezaron un proxecto en conxunto, sendo recoñecidos no Pont-Up Store 2019 como mellor proxecto de emprendemento na categoría de Formación, Educación, Arte e Cultura pola súa “orixinalidade, calidade e profesionalidade”.

Últimas prazas nos obradoiros creativos

Este venres ás sete da tarde celebrarase a última das visitas guiadas –entrada libre ata completar capacidade- polas obras de Laxeiro no Museo de Pontevedra. Farase polas salas do segundo e terceiro andar do Edificio Castelao onde está exposta a súa obra, cun percorrido desde a súa etapa de reflexión na renovación da arte galega ata a formación da súa linguaxe máis representativa: partindo dun Laxeiro que domina o debuxo, que fai retratos de corte naturalista, a un Laxeiro máis expresionista, onde a deformidade e o uso subxectivo da cor o conectan coas tendencias de vangarda. En total analizaranse unha decena de obras que van desde 1939 a 1976.

Por outra banda están dispoñibles as últimas prazas para os obradoiros creativos con Migallas Teatro para a quenda de idade de entre 9 a 12 anos. Estes obradoiros combinarán o coñecemento da vida e da obra do artista coa expresión plástica, dramática e musica. Serán todos os sábados 2,9, 16 e 23 de abril de 12 a 13.30 horas, sendo precisa inscrición previa en reservas.museo@depo.gal.