A memoria de “As mulleres que opinan son perigosas” chega en formato libro e reflexiona sobre a súa pegada tras catro anos e unha pandemia

A obra promovida polas xornalistas Diana López e Susana Pedreira recolle os quince relatorios da primeira edición do encontro que supuxo todo un “aldabonazo” nos medios de comunicación de todo o Estado

22/03/2022

Presentación de As mulleres que opinan son perigrosas  

“As mulleres que opinan son perigosas. Catro anos e unha pandemia” é o título do libro co que as xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira botan a vista atrás ao nacemento do foro que con ese nome promoven en Pontevedra desde o 2018. A obra pasa revista a aquela primeira edición, que supuxo todo un aldabonazo nos medios de comunicación de todo o Estado, a través das palabras das súas relatoras, pero desde o presente e coa perspectiva que dan os catro anos de celebración, con pandemia de por medio. O libro, que será presentado o vindeiro 29 de marzo no Pazo Provincial (19 horas), converte as quince charlas desa primeira edición en crónicas xornalísticas e reflexiona coas súas protagonistas sobre o eco deste evento que, como subliñaron hoxe a presidenta Carmela Silva e o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, “ten convertido á cidade e á provincia en referente do feminismo”. Ambos compareceron xunto ás periodistas para anunciar tamén que o foro retomará a presencialidade este ano e celebrarase  no Teatro Principal, no que naceu, cando rematen as súas obras.

Como explicou hoxe Susana Pedreira, a idea deste libro xurdiu durante a pandemia, cando o foro tivo que celebrarse en liña polas restricións. “Botabamos de menos aquela primeira edición que naceu sen pretensións –indicou-, simplemente como un berro colectivo. O que pasou foi que enchemos o Principal, fomos trending topic e estes anos lembrabamos o que supuxera para nós e para o feminismo ás portas dun 8M histórico. A fórmula que se nos ocorreu foi poñelo por escrito”. A xornalista subliñou neste senso que a obra “quere ser memoria do pasado e reflexión desde o presente”, cunha pandemia que mudou moitas cousas. Por iso, decidiuse converter cada relatorio en crónica xornalística e conversar con cada ponente “para saber se seguen pensando o mesmo cono mulleres, como feministas e xornalistas”. Tamén se repasan as dúas mesas coloquio sobre maternidade e precariedade, e a obra conta coas ilustracións de Emma Gascó, que participou nesa primeira edición.    

Pola súa banda, Diana López, incidiu en que o libro suxire tamén a pregunta “de se as mulleres seguimos a ser perigosas” e aborda a reflexión sobre o que a pandemia supuxo para o xornalismo. Lembrou que a primeira edición do foro aconteceu “nun 2018 histórico para o feminismo, no que se convocou a primeira folga internacional e parecía que había un futuro moi esperanzador do que se falou no congreso, no que se teceu unha rede de relacións laborais e de amizade entre todas”. Sen embargo, os dous últimos anos, como sinalou, “non foron precisamente positivos para as mulleres, para as xornalistas, para as que fixemos dobre xornada e teletraballamos, e diso tamén se fala no libro”.  

A presidenta provincial Carmela Silva fixo memoria para destacar que a “apaixonante, potente e reivindicativa” celebración do foro “foi unha idea extraordinaria e pioneira” de ambas xornalistas que converteu, coa presencia das columnistas máis potentes do país, á cidade e á provincia de Pontevedra en protagonistas “dunha reclamación tan xusta como a de que as mulleres teñen que ocupar o espazo que lles corresponde nos medios e particularmente na opinión, que marca o pensamento social”.  “Houbo un nivelazo de reflexión, de participantes e de aportacións –subliñou-. E creo que as cousas non poden quedar en recordos visuais e orais, teñen que quedar en libros porque iso vai facer que o que aconteceu no 2018 poida ter vida para a xeración que o viviu con paixón pero tamén para as vindeiras; que saiban que moitas mulleres se puxeron de pé no centro dicindo: queremos ocupar o noso espazo”. “Aquela edición –engadiu- fixo reflexionar e fomos capaces de acadar que moitos medios pensaran antes de tomar decisións e con outra mirada que integre ás mulleres. Queda moito por facer, os datos amosan que segue a haber desigualdade, e por iso imos seguir facen ‘As mulleres que opinan’”.

Pola súa parte, o alcalde Fernández Lores congratulouse da volta do foro á presencialidade e subliñou a labor desenvolvida por Pedreira e López “para que Pontevedra sexa pioneira tamén na defensa do feminismo e na visibilización da necesidade de que as mulleres, que son máis do 50% da poboación, teñan presencia nos medios”. “Queda moitísimo por facer –apuntou- e os datos poderían ser mellores, pero son mellores que no 2018. Que Pontevedra estea no mapa cun tema tan potente como este congreso único no Estado éncheme de orgullo e agardo que teña moitísimas edicións máis”.

No día da presentación agasallarase ao público que asista co libro, que amais se repartirá tamén durante a celebración do vindeiro foro. Dirixido  por Diana López e Susana Pedreira, o obra conta tamén con códigos QR antes da crónica de cada un dos relatorios que redirixen ás persoas aos vídeos de YouTube destas charlas, que suman máis de 12.000 visualizacións. As participantes daquel primeiro encontro foron, amais das dúas citadas xornalistas, María Varela, Ana Bernal Triviño, Elisa Beni, Marta García Aller, Rosa Montero, Fernanda Tabarés, Inma López Silva, Lucía Taboada, Emma Gascó, Anita Botwin, Celia Blanco e Ana Pardo de Vera.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.