A Deputación e CREA abren o prazo para presentar proxectos á segunda edición do laboratorio creativo para cineastas Conecta Lab

As e os creadores audiovisuais interesados en participar poden presentar as súas candidaturas
a través de www.crea.gal/conectalab desde este luns 30 de outubro ata o 30 de novembro

30/10/2023

A Deputación de Pontevedra e a Asociación de Profesionais da Dirección e a Realización (CREA) acaban de poñer en marcha a segunda edición do laboratorio creativo Conecta Lab, que desenvolven co patrocinio de DAMA e da Xunta de Galicia e que conta con financiamento  do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais e da Unión Europea a través dos fondos NextGeneration. Trátase dun laboratorio para creadoras e creadores audiovisuais no que se impulsa e acompaña o proceso de creación, escritura e desenvolvemento de longametraxes e series, e no que os proxectos seleccionados reciben asesorías de guión e dirección por parte de recoñecidos profesionais do sector. O proceso culmina cunha residencia artística de dez días que terá lugar na illa de San Simón entre os meses de marzo e abril.

As e os guionistas ou directoras e directores con proxectos en desenvolvemento que conten, polo menos, cunha primeira versión do guión (ou piloto no caso de ser unha serie) e dossier poderán presentar as súas candidaturas a través da web www.crea.gal/conectalab desde este luns 30 de outubro ata o vindeiro 30 de novembro. O proxectos que se presenten poden ser longametraxes de ficción ou documentais, así como series de televisión, tamén ficcionadas ou documentais. Entre todas as ideas presentadas seleccionaranse seis proxectos, cinco serán escollidos por un Comité de Selección e o quinto polas produtoras participantes no evento Conecta+, que terá lugar ao longo do mes de xaneiro de 2023.

Á hora de seleccionar proxectos valoraranse criterios como a calidade artística, a viabilidade ou a relación destes con Galicia e coa lingua galega. Ademais, polo menos a metade dos proxectos deberán ser creados por persoas residentes en Galicia e valoraranse especialmente as candidaturas presentadas por menores de 30 anos, así como a vinculación dos proxectos coas temáticas relacionadas coa illa de San Simón (a memoria histórica, o mundo do mar, a lusofonía etc.) e a participación no tecido asociativo profesional da comunidade.

Cada un dos proxectos seleccionados contará cun programa individualizado con titorización e formación adaptadas ás súas características, e recibirá asesorías para a escritura do guión, dirección, preparación de materiais de venda e marketing, elaboración de pitch e demais ferramentas para o desenvolvemento dos seus proxectos audiovisuais. Unha formación que rematará coa residencia artística que terá lugar no mes de abril de 2024.

Os proxectos mentorizados o ano pasado foron Aquagym, de Iria Sobrado; Grymsey, de Alexandre Cancelo; La idea de un hijo, de Nacho Ozores; Invisibles, de Dani Viqueira; Normal, de Lidia Fraga e Jacobo Pin, e Terás que saltar, de Irene Pin, contando ademais con O pesadelo das vacas, de Rafa de los Arcos, como proxecto invitado. As persoas cineastas foron mentorizados por titoras e titores coma Óliver Laxe, Fernando Franco, Carlos Marqués-Marcet, Laura Sarmiento, Álvaro Gago, Álex Rodrigo, Mikel Gurrea, Celia Rico, Marjorie Bendeck, Enrique Lojo, Álvaro Vega. Ademais, o laboratorio creativo incluíu outras actividades coma unha clase maxistral de Icíar Bollaín, ou o Encontro Arraiano, con cineastas portugueses.