A Deputación destina máis de 400.000 € aos concellos e entidades sociais para promover a igualdade de xénero

A Xunta de Goberno da institución provincial aprobou a concesión de dúas liñas de axudas que financiarán os proxectos de 49 concellos e 29 entidades sociais sen ánimo de lucro

11/08/2023

axudas igualdade

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a concesión de 410.000 euros para fomentar a igualdade de oportunidades e loitar contra a violencia de xénero. O presidente provincial, Luis López, informou da aprobación destas dúas liñas de achegas que permitirán financiar proxectos levados a cabo polos concellos de menos de 20.000 habitantes e por entidades sociais sen ánimo de lucro da provincia de Pontevedra con esta dobre finalidade.

Por unha banda, aprobáronse as axudas que recibirán un total de 49 concellos da provincia, aos que se lles dotará de 260.000 euros, cun incremento de 30.000 euros respecto ás axudas aprobadas no anterior exercicio. O presidente sinalou que “recibiron axudas todos os concellos que as solicitaron, que son todos os de menos de 20.000 habitantes da provincia agás Bueu e Fornelos de Montes”.

Pola outra banda, tamén se aprobaron as achegas que recibirán 29 entidades sociais con sede en 11 concellos, neste caso cun crédito de 150.000 euros. 14 destas entidades teñen sede na comarca de Vigo (12 en Vigo e 2 en Mos), 5 na zona de Pontevedra (4 na cidade de Pontevedra e 1 en Marín), 4 no Morrazo (todas elas situadas en Cangas), dúas no Condado-Paradanta (1 en Ponteareas e 1 en Crecente), tres en Deza-Tabeirós-Terra de Montes (1 en Lalín, 1 na Estrada e 1 en Silleda) e unha no Salnés (con sede en Vilagarcía de Arousa).

A Deputación de Pontevedra outorgou o orzamento íntegro das dúas convocatorias de subvencións, que foron concedidas en réxime de concorrencia competitiva. Como sinalou o presidente da Deputación, Luis López, estas liñas de axudas permitirán financiar proxectos de sensibilización e prevención da violencia machista, mellora da atención ás vítimas, programas para mulleres en especial vulnerabilidade, iniciativas de formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral, para a elaboración de plans municipais de igualdade (no caso dos concellos de menos de 20.000 habitantes) e actividades de sensibilización no eido educativo, entre outras cuestións.