A Deputación redobra o seu apoio ás Festas de Interese Turístico da provincia para construír un destino competitivo e con identidade

O goberno provincial destina este ano 74.000 euros para estas celebracións singulares, desde o Cocido de Lalín, o Corpus de Ponteareas, a Reconquista de Vigo, a Rapa das Bestas de Sabucedo ou o Albariño de Cambados

10/02/2023

A Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso co turismo como motor de creación de emprego e crecemento económico mediante a aprobación da liña anual de axudas a Festas de Interese Turístico Nacional e Internacional. A Deputación destinará neste 2023 un total de 74.000 euros para colaborar na organización das celebracións máis singulares e con maior arraigo da provincia e participar na súa promoción exterior.

As destinatarias son as asociacións e colectivos responsables da organización dos grandes eventos que enxalzan a nosa gastronomía, que poñen en valor as nosas tradicións e que preservan a nosa identidade como pobo durante os doce meses do ano, contribuíndo de forma notable á desestacionalización das visitas ao tempo que manteñen vivas as tradición. Estas festas son un recurso turístico de primeiro nivel e posiciónannos como a provincia galega con máis festas de interese turístico.

Este ano, tralo recente recoñecemento da Festa da Lamprea de Arbo como Festa de Interese Turístico Internacional, serán sete as celebración ás que lle corresponde unha achega de 8.000 euros da Deputación. A primeira é o Cocido de Lalín esta fin de semana. A Arribada de Baiona está programada do 3 ao 5 de marzo para conmemorar a chegada da Carabela “Pinta” anunciando o descubrimento de América. A Festa da Lamprea de Arbo será do 28 ao 30 de abril. As alfombras florais do Corpus de Ponteareas poderán verse do 10 ao 12 de xuño. A Rapa das Bestas de Sabucedo, unha das iconas fotográficas máis internacionais da comunidade, será a primeira fin de semana de xullo. Do 2 ao 6 de agosto a cita é en Cambados coa 71ª edición da Festa do Albariño. E pecha o calendario das celebracións internacionais da provincia a Romaría Vikinga de Catoira o primeiro domingo de agosto, data na que se recrea as invasión vikingas nas ribeiras do Ulla e do Umia.

Por outra banda, concédense axudas nominativas de 6.000 euros para cada unha das tres celebracións da provincia recoñecidas como Festas de Interese Turístico Nacional: a Festa da Reconquista de Vigo, que se celebra este ano do 25 de marzo ao 2 de abril; a Festa da Auga de Vilagarcía por San Roque (16 de agosto), e a Festa do Marisco do Grove, que pon en valor as materias primas da ría de Arousa e congrega en outubro a milleiros de persoas na zona do Salnés.

Así, a institución traballa en estreita colaboración co sector turístico para consolidar Rías Baixas – Pontevedra Provincia como un destino competitivo, de calidade, accesible e sostible cuns rasgos identitarios únicos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.