A Deputación achega aos concellos da provincia as novas oportunidades de financiamento europeo

Os concellos recibirán mensualmente un boletín informativo, así como alertas puntuais das convocatorias de fondos europeos de interese para as entidades locais. Este novo instrumento canalízase a través da Oficina de Proxectos Europeos da institución provincial

29/03/2022

A Deputación de Pontevedra segue a dar pasos adiante para cooperar e axudar aos concellos da provincia a captar fondos europeos trala posta en marcha do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. Neste caso, vén de lanzar un sistema de alertas e un boletín informativo dirixido aos gobernos locais, que terá carácter mensual, para dar conta das oportunidades de financiamento en marcha e das convocatorias por vir que xorden no marco europeo. A iniciativa, que facilitará unha comunicación útil e fluída, canalízase a través da Oficina de Proxectos Europeos que creou este mesmo ano a institución provincial e que coordina os traballos de captación de fondos europeos de interese para as entidades locais.

O primeiro número inclúe todas as convocatorias e novidades de interese para as entidades locais dentro do Plan de Recuperación do Goberno, así como tamén dos fondos estruturais e do Marco Financeiro Plurianual da Unión Europea. De feito hoxe mesmo publicáronse as bases reguladoras e Convocatoria para 2022 do Programa de apoio a mulleres nos ámbitos rural e urbano (C23. I2), dirixidas, entre outros, aos concellos de menos de 5.000 habitantes. Este programa, a financiar con fondos Next Generation EU, busca a atención personalizada ás mulleres de áreas rurais e urbanas participantes en itinerarios individualizados que combinen accións de orientación laboral, asesoramento, información, formación, adquisición de competencias e habilidades transversais, e que faciliten a inserción laboral e acompañamento no emprego.

No primeiro Boletín preséntanse tamén ligazóns para convocatorias xa abertas como o Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP); as axudas para investimentos a proxectos singulares locais de enerxía limpa en municipios de reto demográfico (DUS 5000); o programa de incentivos vencellado á realización de instalacións de enerxía renovables térmicas no sector residencial; o programa de incentivos vencellados ao autoconsumo e ao almacenamento no sector residencial, as administracións públicas e o terceiro sector; o programa de proxectos pioneiros e singulares de hidróxeno renovable; o programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (MOVES III); as axudas destinadas á elaboración de instrumentos de ordenación ou xestión forestais; as axudas para accións silvícolas de prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e para o incremento da capacidade de adaptación e do valor ambiental dos ecosistemas forestais; o programa de experiencias Turismo España; ou o programa Cidadanía, Igualdade, Dereitos e Valores.

Tamén, neste primeiro número, aparecen ligazóns para consultar outros programas pendentes de convocatoria como as dos plans de sustentabilidade turística en destino; o programa de axudas para a transformación dixital e modernización das entidades locais que forman parte da rede DTI (Destinos Turísticos Intelixentes); o programa de axudas para a tramitación dixital e modernización das entidades locais que forman parte do Camiño de Santiago integradas na rede DTI; ou o programa de Cooperación Interrexional Europeo (Interreg Europe 2021-2027).