A Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias lanzan o IV Ciclo de Conferencias Aída Fernández Ríos

O programa incluirá 13 conferencias, oito dirixidas á cidadanía en xeral e cinco en centros educativos da provincia, sobre novas terapias, seguridade alimentaria, enerxías renovables, comunicacións cuánticas, aplicacións da intelixencia artificial, big data e xenómica

22/04/2023

A Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias poñen en marcha a cuarta edición do Ciclo de Conferencias Aída Fernández Ríos, que ten por obxectivo achegar á cidadanía as ciencias e as aplicacións do coñecemento científico á sociedade, como coadxuvante do desenvolvemento socioeconómico.  O programa, que se desenvolverá entre o 4 de maio e o 15 de xuño, incluirá un total de 13 conferencias, oito en formato webinario dirixidas á cidadanía en xeral e cinco presenciais en centros educativos da provincia. Estarán centradas nas novas terapias, na seguridade alimentaria, nas enerxías renovables, nas comunicacións cuánticas, nas aplicacións da intelixencia artificial, no big data e na xenómica. Serán en total cinco conferencias máis que as organizadas o pasado ano e  o prazo para asistir aos relatorios vén de abrir xa en www.depo.gal.

As oito conferencias dirixidas á cidadanía en xeral terán lugar entre maio e xuño, todas elas en formato webinario. Comezarán o 4 de maio ás 19.00 horas con dúas conferencias. A primeira delas, co título “Superbacterias. Retos e novas estratexias terapéuticas”, será impartida pola catedrática de Química Orgánica do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela, Concepción González-Bello. A continuación, María de la Fuente Freire, xefa do grupo de nano-oncoloxía e terapéutica traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela e cofundadora da Spin Off Diversa Tecnhologies SL, afondará na “Nanotecnoloxía para o desenvolvemento de medicamentos innovadores e avanzados dando resposta a necesidades médicas non cubertas”.

O día 11 de maio ás 19.00 horas terá lugar a conferencia “Bacterias patóxenas de transmisión alimentaria: o caso de Listeria monocytogenes” a cargo de Marta López Cabo, científica titular do Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas de Vigo. A continuación Jesús López Romalde, catedrático de Microbioloxía da Facultade de Bioloxía e do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da Universidade de Santiago, afondará nos “Virus entéricos en moluscos e vexetais: un reto de seguridade alimentaria”.

Cara finais do mes de maio, o xoves 25 ás 19.00 horas,  Jacobo  Porteiro Fresco, catedrático da Área de Máquinas e Motores Térmicos da Escola de Enxeñería Industrial e do Centro de Investigación en Tecnoloxías, Enerxía e Procesos Industriais da Universidade de Vigo, impartirá unha conferencia sobre “Combustibles sostibles para un futuro descarbonizado”.

En xuño, a cuarta edición do Ciclo Aida Fernández Ríos arrancara o día 1 ás 19.00 horas  e farao da man de Marcos Curty Alonso, catedrático de Teoría do Sinal e das Comunicacións da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Vigo Quantum Communication Center da Universidade de Vigo, con “A segunda revolución cuántica: como serán os ordenadores e as comunicacións do futuro?”. O día 8 de xuño, á mesma hora, Ana Freire Vega, , profesora titular e directora do Departamento de Operacións, Tecnoloxía e Ciencia da Barcelona Scholl of Management, abordará “Como a Intelixencia Artificial pode contribuír positivamente á saúde mental?”. Finalmente, o día 15, ás 19.00 horas, será a quenda da “Evolución das nosas células e por que se producen os tumores” da man de David Posada González, catedrático de Xenética do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo.

Pola súa banda, nos centros de ensino da provincia nos que se impartan ESO, barcharelato e ciclos formativos terán lugar 5 conferencias: “Big data e xenómica”, de Susana Ladra González, directora do Campus Innova, investigadora do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións e profesora titular no Departamento de Ciencias da Computación e das Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña; “Superbacterias e One Health: do filete ao raposo e á diarrea”, a cargo de Azucena Mora, profesora titular de Microbioloxía da Facultade de Veterinaria e directora científica do Centro de Biomedicina e Veterinaria da Universidade de Santiago; “O que agochan os datos” a cargo de Rosa Crujeiras, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia da Universidade de Santiago; “Novas terapias que están a revolucionar o tratamento contra o cancro”, a cargo de María Dolores Mayán, xefa do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC); e “Pequenas heroínas: bacterias que degradan o plástico” a cargo de Sabela Balboa, investigadora Ramón y Cajal no Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais da USC.

O ciclo, que promoven conxuntamente a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, xurdiu no ano 2020 como homenaxe á investigadora, bióloga oceanógrafa e académica Aida Fernández Ríos, falecida en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúen á educación e formación en igualdade, visibilizando a grandes referentes femininas do ámbito STEAM.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.