A Deputación colabora cos colectivos medioambientais para impulsar novos modelos de produción sostible

A institución provincial vén de asinar convenios con Agrorural, Agro Noso e Ulega por valor de 116.000 € para desenvolver accións formativas e divulgativas sobre modelos de xestión das explotacións agrogandeiras, do solo forestal en vías de abandono e a produción de alimentos

03/04/2023

A Deputación de Pontevedra vén de asinar tres novos convenios coas asociacións medioambientais Agrorural (Asociación Agrogandeira e de Desenvolvemento Rural), Agro Noso e Ulega (Unión Leiteira Galega) para fomentar novos sistemas de xestión e produción con cero emisións en explotacións agrogandeiras, de xestión de espazos forestais en vías de abandono e de produción de alimentos, concienciando de primeira man o sector para adaptar as súas empresas á transición ecolóxica e conseguir que a provincia de Pontevedra siga sendo unha referencia en sostibilidade. Os convenios suman un investimento total de 115.900 euros.

O convenio con Agrorural (38.600 €) ten como obxectivo desenvolver un programa de impulso aos sistemas de xestión e produción ‘cero emisións netas’ adaptables ás explotacións agrogandeiras. O programa incluirá accións de sensibilización para as e os agricultoras/es e gandeiras/os na problemática das emisións de gases de efecto invernadoiro, dar a coñecer prácticas e técnicas orientadas a reducir a súa emisión e medidas de compensación para acadar un balance neutro na produción, e promover a descarbonización das explotacións facéndoas máis eficientes e sostibles. O proxecto inclúe catro actividades: a recompilación de modelos de xestión e produción con técnicas e prácticas que se empregarán no resto das accións; 24 talleres formativos en liña; asesoramento telefónico, telemático e presencial (con 5 puntos físicos) onde o sector poderá formular dúbidas sobre a implantación de prácticas ou métodos; e a elaboración de 11 pílulas informativas en formato microvídeo para axudar a coñecer, de maneira resumida e amena, a repercusión dos gases de efecto invernadoiro no sector e tamén nocións básicas sobre prácticas e métodos para a súa redución e compensación.

O convenio con Agro Noso (38.000 €) ten por obxecto o desenvolvemento e promoción de novos modelos de xestión de espazos forestais en vías de abandono, que permitan unha boa xestión do monte na provincia. Impulsaranse medidas de fomento do seu uso sostible, contribuíndo á redución de incendios forestais e divulgando modelos sostibles de xestión. Concretamente, desenvolveranse 5 guías dixitais, unha por cada modelo de xestión forestal: modelos existentes, pastoreo forestal, cultivos innovadores, biomasa e enerxías verdes, e modelos de xestión pasiva de parcelas. Tamén se levarán a cabo 20 obradoiros formativos (4 por cada unha das 5 temáticas) en modalidade presencial e en liña; un vídeo formativo sobre cada temática; e un sistema formativo a distancia co envío periódico de pílulas formativas sobre o desenvolvemento de novos modelos de xestión forestal (fichas, infografías e vídeos) acompañado dun servizo de titorización personalizada.

Por último, o convenio con Ulega (39.300 €) busca o fomento de modelos sostibles de produción de alimentos que contribúan ao impulso ecolóxico da sociedade e a economía, así como sensibilizar as gandeiras e gandeiros sobre os beneficios das granxas verdes. Para iso, levaranse a cabo catro cursos de formación en liña titorizados sobre temáticas relacionadas con modelos de granxas respectuosas co medio ambiente, rendibles e que impulsen o benestar animal: sostibilidade ambiental (boas prácticas nas granxas sostibles), sostibilidade social (alfabetización dixital para reducir a fenda tecnolóxica), sostibilidade económica (empresas agrarias sostibles que buscan beneficios sen prexudicar as xeracións futuras) e benestar animal. Ademais, estableceranse 5 puntos físicos de asesoramento ‘5.0’ personalizado e individualizado, cun alcance estimado de 100 persoas por cada punto. Tamén se creará un sistema de visita virtual a unha granxa verde que fará fincapé nos puntos fundamentais da xestión sostible dunha granxa e accións de divulgación a través de blogs inversos (onde tamén escribirán persoas gandeiras e agricultoras), redes sociais, a creación dun sitio web para o proxecto, SMS e correo electrónico.