As cunetas transitables cobran protagonismo no plan de seguridade viaria da Deputación

A Administración provincial contratará, por valor de dous millóns de euros anuais, a instalación duns elementos cada vez máis demandados polos concellos e veciñanza

29/04/2022

Cunetas transitables

As cunetas transitables, un elemento de seguridade viaria que permite actuar con eficacia nas beiras das estradas nas que resulta imposible gañar sobreanchos, estarán cada vez máis presentes na rede provincial de estradas. O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade o convenio-marco para o subministro e instalación destas cunetas cun contrato que este mesmo ano significará un investimento de 1.999.329,52 euros. A Deputación gárdase a posibilidade de prorrogalo ata outros tres anos máis para seguir dispoñendo a prezo pactado duns elementos que están a dar moi bos resultados e que cada vez teñen máis demanda entre os concellos  e a veciñanza da provincia.

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, explicou que o convenio-marco divide a provincia en tres zonas (norte, centro e sur) que se adxudicarán cos seus respectivos lotes. Os importes asignados son de 665.125 euros (5.146 metros lineais de cunetas transitables), 738.228 euros (5.677 metros) e 595.975 euros (4.562 metros). Ademais explicou que estes importes e reservas de material só se aplicarán ás obras de mellora de cunetas, dado que as reformas integrais da plataforma, con urbanización, reurbanización e/ou sendas peonís, nas que é moi habitual que tamén haxa tramos concretos con cunetas tendidas, seguirán contando cos seus propios orzamentos.

Agís relatou que estas gabias prefabricadas teñen anchos de entre un e dous metros e que pola súa escasa pendente permiten camiñar por enriba delas con total normalidade polo que, na práctica, habilitan itinerarios peonís cómodos e seguros. Os resultados das distintas obras xa realizadas pola Deputación en case tódolos concellos da provincia así o acreditan. Referiuse, como exemplo, á mellora producida na estrada provincial Marín-Penizas, onde diante das dificultades de ampliar a plataforma optouse por esta solución. En principio, un colectivo veciñal expresou a súa oposición, pero, unha vez rematada a obra, remitiu unha carta de felicitación á Deputación.

O deputado relatou que tamén se están substituíndo paulatinamente as vellas cunetas, moi profundas e ademais pouco funcionais pola súa tendencia a cegarse, por este tipo de elementos  transitables, nos que a drenaxe lonxitudinal das estradas combínase coa habilitación dun espazo adicional para o paso de peóns e ciclistas. Engadiu que cando é necesario tamén se instalan tubaxes de drenaxe debaixo destas estruturas para garantir a correcta absorción das augas pluviais.  “Esta é unha aposta máis pola seguridade viaria e por potenciar que as persoas poidan transitar polas beiras das vías provinciais con total seguridade naqueles tramos nos que os muros, as vivendas ou as circunstancias orográficas impidan ampliar a plataforma”, explicou o deputado.

Transferencias

Por outra banda a Deputación aprobou o traspaso de diferentes tramos de estradas provinciais a solicitude dos concellos de Meaño e Bueu. A primeira por unanimidade e, no segundo concello, coa abstención do PP.

No caso de Meaño, o acordo afecta aos treitos entre o PQ 0+000 e o PQ 0+280 metros e entre o PQ 2+850 e o PQ 3+301 da EP-9303 Meaño-Dena, correspondentes ao comezo e fin da estrada. O comezo é un espazo lindeiro coa Casa do Concello e a zona onde se celebran as festas e feiras. O final dá acceso ás edificacións da zona. Ambos tramos  correspóndense con solo urbano e contan con servizos e beirarrúas.

En Bueu deuse visto bo ao traspaso dos treitos comprendidos entre o PQ 0+960 e o 1+440 e entre o PQ 4+030 e o PQ 4+134 da EP-1301 Alto da Portela-Beluso. O tramo de Beluso coincide coa rúa Nova e está a carón dunha parcela que é usada como aparcadoiro público, a terraza dun negocio hostaleiro e, ademais, dá acceso á oficina de farmacia. O Concello está impulsando un proxecto para reformar toda esta zona, incluíndo a apertura dunha nova rúa prevista no seu Plan de Urbanismo. No extremo contrario da estrada está o ámbito do polígono industrial de Castiñeiras, dende a glorieta de enlace coa estrada do Morrazo VG-4.6 e a estrada autonómica PO-551 e a segunda glorieta de saída do polígono. O Concello quere realizar obras urbanas nesta zona para ampliar as prazas de aparcamento.

Galerias de imaxes