A Deputación e a Universidade de Vigo impulsan un curso formativo para que o tecido empresarial da provincia poida concorrer a proxectos europeos

O curso comezou na tarde do 26 de setembro e nel participan 36 profesionais de diferentes sectores

26/09/2023

curso formativo

No programa de financiamento aprobado pola Comisión Europea para o período 2021-2017 recóllense un bo número de convocatorias nas que as empresas poden participar de forma activa, xunto con outra serie de axentes coma as universidades e os centros de investigación. Que profesionais de diferentes empresas da provincia poidan coñecer as oportunidades de financiamento que implican os programas comunitarios, os criterios de elixibilidade e unha serie de boas prácticas de cara a preparar unha solicitude con éxito son os propósitos centrais do curso formativo Como Captar Financiamento Europeo para a túa Empresa. Promovido pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra, este programa formativo tivo na tarde deste martes 26 de setembro a súa sesión inaugural na sede da Vicerreitoría do campus, e que contou coa participación de 36 profesionais, procedentes de empresas de diferentes sectores.

Financiado con preto de 20.000 euros pola institución provincial, trátase dunha actividade formativa gratuíta de 75 horas, dirixida ao persoal das empresas da provincia, que foi inaugurada nesta xornada pola vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, coordinadora institucional do curso; a deputada provincial de Fondos Europeos, María Ramallo; e a directora de área de Proxectos Internacionais de Educación da UVigo, Eva Garea, coordinadora do plan formativo. Neste acto, as dirixentes puxeron de relevo que existen múltiples convocatorias comunitarias abertas ás empresas, nas que ademais poden ter como socia a Universidade e que poden proporcionarlles oportunidades de traballo en rede e de conexión con outras empresas do sector e potenciais socios. De aí que incidisen no positivo dunha iniciativa que é ademais a primeira actividade formativa externa realizada desde a Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo e que desenvolverá as súas seguintes sesións, agás a primeira do módulo práctico, de xeito virtual, a través do campus remoto. Nese senso, o curso comprende tanto unha parte teórica, na que afondar nas fontes de financiamento europeas, nos principais programas, no calendario de convocatorias e nos criterios de avaliación de propostas, coma un bloque de contidos de carácter práctico. Este último está dirixido a que as 36 persoas inscritas aprendan a navegar polo portal da UE, preparen o seu perfil europeo e adquiran unha serie de coñecementos sobre como formular os proxectos, buscar socios e presentar as propostas.

Galerias de imaxes