A Deputación revalida o seu apoio aos cursos de verán da UNED, que na Aula de Vigo terán como eixos a muller na arte e na cultura e as redes sociais na ensinanza

As dúas accións formativas desenvolveranse do 3 ao 5 de xullo en formato mixto (presencial e en liña) e reunirán nos seus relatorios a destacadas persoas expertas

06/06/2023

Cursos de verán na UNED en Vigo

A Deputación vén de revalidar o seu apoio aos cursos de verán da UNED, que neste 2023 terán na Aula de Vigo dúas novas citas entre o 3 e o 5 de xullo. En concreto, o papel das mulleres na produción artística e cultural desde a Idade Media á Moderna e a análise das redes sociais na ensinanza actual centrarán os dous cursos que nesas datas acollerá a sede viguesa en formato mixto (en liña e presenciais) e para os que a matrícula xa está aberta na web da universidade. Na presentación destas accións formativas participaron a presidenta provincial en funcións, Carmela Silva; o alcalde en funcións de Vigo, Abel Caballero, o director do Campus Noroeste da UNED, Víctor Manuel González, a coordinadora da Aula de Vigo, María del Carmen Martínez Prieto, e Elena Paulino, directora dun dos cursos, que leva o título “Mulleres: Arte e cultura na Idade Media e na Idade Moderna”.

“Este é un curso fundamental –dixo Carmela Silva en referencia ao centrado no papel das mulleres na arte e na cultura- porque necesitamos do coñecemento, dos datos e da verdade vinculada á historia das mulleres. Temos unha historia, unha colectiva pero tamén moitas individuais con posicións diferentes e é importantísimo dalas a coñecer e que os estudos nos sitúen nunha realidade que nos permita, desde a análise do que aconteceu, posicionarnos hoxe na actualidade. É preciso que nos enchamos de coñecemento para poder seguir defendendo a posición da metade do mundo e a historia xoga un papel fundamental, porque tamén nos borraron dela”. Subliñou así mesmo a relevancia da arte e da cultura “como elementos transformadores da vida, do mundo e das ideas” e lembrou o importante papel que teñen xogado as mulleres “que desde estes ámbitos foron capaces de construír discursos e espazos para as mulleres desde unha mirada propia”.

Pola súa banda, o alcalde Abel Caballero quixo poñer en valor o labor desenvolvido pola Aula da cidade olívica e o prestixio que ten acadado, incidindo na calidade da aposta formativa e nas/nos máis de 1.300 alumnos e alumnas na actualidade. O rexedor en funcións destacou a significación dos cursos de verán, “que son un proceso de socialización cultural e neles a UNED ocupa un lugar dominante”, subliñando que os dous que se celebrarán este verán na cidade “van combinar dúas grandes revolucións: a das redes sociais e a revolución do feminismo, que van compartir espazos e permanecer presentes neste lugar”.

Tal e como sinalou María del Carmen Martínez, “os cursos de verán forman parte do programa cultural da cidade de Vigo”, e o director do Campus Noroeste da UNED, Víctor Manuel González, que agradeceu a colaboración do Concello e da Deputación coa institución, subliñou que se tratan dos “cursos máis potentes de toda España”. Tamén fixo fincapé no feito de que os dous que se desenvolverán na cidade olívica están dirixidos por mulleres e tres cuartas partes das persoas relatoras tamén son mulleres. “Son dous cursos –incidiu- que mesturan modernidade e tradición á vez, que amosan de onde se vén no teatro e na literatura por exemplo ata Tik Tok. Desde a historia da muller na arte de hai séculos ao papel da muller máis recente”. E destacou o interese que xa teñen suscitado, xa que hai persoas matriculadas de México, Francia e moitos outros lugares de España.

O curso “Mulleres: Arte e Cultura na Idade Media e a Idade Moderna” ten ao fronte a Elena Paulino Montero e está coordinado por Rafael Cotelo Pazos. Nos seus relatorios abordarase o papel das mulleres como protagonistas da produción artística e cultural desde o século XV ata a modernidade, con especial fincapé no mundo hispánico. Elena Paulino Montero explicou que no curso “falarase da construción da imaxe do poder feminino para reivindicar o seu papel e sobre a relación das mulleres co espazo, tanto público como doméstico. Daranse a coñecer casos de estudo para analizar as posibilidades que tiveron as mulleres de actuar en distintas contornas históricas –engadiu-. Hai mulleres capaces de exercer o poder, outras que non dispoñen desas ferramentas, outras que loitan contra o entorno social e político... E a idea é amosar toda a variedade de accións das mulleres históricas e como utilizaron a cultura e a arte para poder representarse”. Entre as persoas relatoras figuran Judith Farré, doutora en Filoloxía Hispánica e científica do CSIC; a catedrática da Universidade de Granada María Elena Díez ou a profesora da Universidade de Murcia Noelia García.

O outro seminario que se desenvolverá na Aula viguesa leva por título “Redes sociais, tecnoloxías e metodoloxías emerxentes na ensinanza e aprendizaxe de linguas” e está dirixido por María Angélica Giordano e coordinado por María Gracia Moreno. Conta con sete conferencias e unha mesa redonda e abordará como as redes sociais están a cambiar o modo de enfrontar a aprendizaxe, onde a información é máis aberta, flexible, dispoñible e alcanzable a través da interacción e a cooperación. Serán obxecto de discusión e análise a eficacia do informal learning, do social learning, do micro learning e do mobile learning, dando espazo tamén ás últimas tendencias como a realidade virtual ou o metaverso. Entre as persoas relatoras figuran a profesora da Universidade Roma Tres Luisa Messina ou os catedráticos Nicolás Romera (da UNED) e Antonio García (da Universidade de Alcalá).

Galerias de imaxes