A Deputación súmase ao Día Mundial da Infancia para reivindicar o labor desenvolvido por entidades que traballan en todo o mundo para que as nenas e os nenos teñan un futuro mellor

O Goberno de Luis López acaba de aprobar unha axuda de 10.000 euros destinada a Unicef para colaborar cos traballos que a entidade está a desenvolver para paliar a situación de emerxencia das nenas e nenos que viven en Libia

20/11/2023

Xuntanza da deputada Sandra Bastos con Unicef

A Deputación de Pontevedra súmase ao Día Mundial da Infancia para reivindicar o labor desenvolvido por entidades que traballan en todo o mundo para que as nenas e os nenos teñan un futuro mellor. Deste xeito, o goberno de Luis López, a través do Servizo de Benestar Social, liderado pola deputada Sandra Bastos, acaba de aprobar unha axuda de 10.000 euros destinada a Unicef para colaborar cos traballos que a entidade está a desenvolver para paliar a situación de emerxencia das nenas e nenos que viven en Libia.

“Queremos, neste Día Mundial da Infancia, formar parte deste chamamento mundial a favor dos máis pequenos do mundo, sobre todo dos máis vulnerables, e das asociacións e organizacións que traballan para o seu benestar”, asegurou o presidente provincial. Neste eido, Luis López recordou que “todos os nenos teñen dereito á saúde, á protección, á educación; independentemente do lugar do mundo no que nacesen. Non obstante, non todos teñen estes dereitos garantidos e debemos traballar para protexelos e para que todos os nenos do mundo teñan un futuro mellor”.

A axuda de 10.000 euros que acaba de aprobar a Deputación de Pontevedra para Unicef está encamiñada a contribuír co traballo que a entidade desenvolve en Libia. En concreto, a axuda irá destinada ao leste deste país, no que se estima que case 300.000 nenas e nenos estiveron expostos á tormenta Daniel e precisan asistencia humanitaria tras os danos sufridos en vivendas, hospitais, escolas e outras infraestruturas esenciais. Nesta zona Unicef está a proporcionar subministracións de emerxencia, preparando unha campaña de vacinación contra o sarampelo, subministrando suplementos de vitamina A e alimentos, enviando equipos sanitarios móbiles a desenvolver traballos para previr o brote de enfermidades transmitidas pola auga logo das inundacións, a establecer espazos temporais de aprendizaxe e a proporcionar apoio psicosocial e de saúde mental úrxente ás nenas e nenos afectados pola tormenta.