“Elas son a forza do Nadal”: a campaña coa que a Deputación volve pór o foco no papel clave das mulleres do sector primario

09/12/2022

Elas son a forza do Nadal

“Elas son a forza do Nadal”. Con este lema, a Deputación de Pontevedra leva poñendo en marcha desde 2019 a campaña de visibilización do traballo, o esforzo e o valor das mulleres produtoras da provincia, cuxo traballo é imprescindible especialmente nestas datas onde practicamente todos os produtos presentes nas mesas onde se xuntan as familias son froito do seu labor: desde o marisco, ata a carne ou o peixe, como produtoras e tamén como vendedoras nos mercados e prazas de abastos. A presidenta provincial, Carmela Silva, presentou os materiais deste ano acompañada da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e das protagonistas da campaña, todas elas mulleres do sector primario: Montserrat Areán, María José Tallón, Natalia Rodríguez, Ana Beatriz Amoedo, Nuria Novelle e Leticia Álvarez.

A campaña recolle os testemuños destas 6 mulleres profesionais de diversas áreas dentro do sector: marisqueo, agricultura, sector lácteo, vendedoras en mercados de abastos, sector vitivinícola e tamén turismo mariñeiro. Montserrat Areán, de Rodeiro, leva máis de 20 anos á fronte dunha granxa en Vilafrío. María José Tallón, de Silleda, é propietaria da empresa Trasdeza Natur, que obtivo diversos premios, recoñecementos e selos de calidade pola súa actividade. Natalia Rodríguez, de Baldráns (Tui), está á fronte das Adegas Corisca e é pioneira na recuperación de prácticas de agricultura ecolóxica na D.O. Rías Baixas. Ana Beatriz Amoedo, de Cambados, é horticultora dentro da cooperativa Horsal e tamén en Condes de Albarei. Nuria Novelle, mariscadora de Redondela, é vicepresidenta da agrupación de mariscadoras e confraría San Xoán de Redondela, ademais de presidenta de Amarturmar (asociación de turismo mariñeiro). Leticia Álvarez é peixeira no mercado do Calvario, en Vigo.

Carmela Silva, lembrou que esta campaña ten un dobre obxectivo. Por unha banda, busca “visibilizar o papel fundamental das mulleres do sector primario que traballan en toda a cadea de valor dos sectores produtivos do mar e da terra, na produción e na comercialización”. A presidenta incidiu en que “queremos pólas en valor porque son imprescindibles nun sector que xera moita actividade económica e permite que tanto na costa como no interior se poida manter a poboación: todos os estudos din que o rural non terá futuro se as mulleres non apostan por vivir nel e son elas quen manteñen a vida no medio rural”. Ademais do seu papel “fundamental” na economía, asegurou, “teñen compromiso coa sostibilidade e o respecto ao medio ambiente, cultivando produtos que nos dan fama internacional”. Pola outra banda, a campaña “pon en valor o produto de proximidade, de quilómetro cero, ecolóxico e tratado con moito coidado para que a nosa enogastronomía sexa de excelencia e altísima calidade”, asegurou a presidenta, que animou a xente “a que merque neste Nadal produtos da provincia de Pontevedra traballados e xestionados por estas grandes mulleres”. Carmela Silva puxo o foco en que “o traballo destas mulleres mantén a riqueza e a saúde da poboación, son imprescindibles para a suficiencia alimentaria e para non danar o medio ambiente, e están comprometidas co territorio”. Son mulleres, asegurou, “referentes, que lideran e son protagonistas, e que deben ser un orgullo para a cidadanía: valoralas moito, admiralas, telas como exemplo e saber canto lles debemos a todas as mulleres do sector primario”.

As protagonistas da campaña reivindican o valor do sector primario

A horticultora Ana Beatriz Amoedo lembrou que “necesitamos máis xente que se una ao rural, a miña xeración é das que intenta coller o seguinte relevo e agardo poder inculcarlle ás miñas fillas que hai outra saída”. Amoedo asegurou que “é un sector duro, aínda que os hai máis, pero vale moito a pena e xa non é o de antes: hai novas técnicas e formas de traballo que se levan ben”. A horticultora animou a “mercar do noso porque o tratamos con moito cariño, dá moita satisfacción ver a calidade do produto a medida que vai medrando”.

María José Tallón, propietaria de Trasdeza Natur, asegurou que a campaña “é unha ferramenta moi importante para poñer en valor o valor do sector primario que moitas veces está desprestixiado malia o seu peso relevante”. Tallón deu os parabéns á Deputación por “promover a igualdade nun sector que segue moi masculinizado no que fai falla dar un chanzo adiante para fixar poboación”.

A adegueira Natalia Rodríguez puxo en valor “o emprendemento feminino no rural, que é impresionante: a forza das mulleres está sacando adiante proxectos moi interesantes e dándolle unha volta ao campo que estaba abandonado e dándolle valor ao rural, apostando pola súa recuperación”. Rodríguez asegurou que “temos unha materia prima estupenda pero que ás veces se valora máis fóra que dentro”, e asegurou que “cómpre atraer a xente ao rural para solucionar o problema de continuidade”.

Montserrat Areán, do sector lácteo, lembrou que “a situación non vai moi ben neste sector, onde custa máis producir o leite do que nos pagan por el”. Areán avogou pola necesidade de que “se valore máis o campo e o sector primario, porque somos quen mantemos o rural vivo”.

A mariscadora Nuria Novelle lembrou que “hai moitas familias que viven destes traballos ás veces moi pouco valorados” e pediu “apoio para que cada unha destas profesións do sector primario teñamos amparo, que nos escoiten porque somos quen ten algo que dicir, e nos acheguen solucións para seguir dándolle vida ao sector primario”. Novelle puxo o foco en como o seu é un traballo “artesanal onde hai que dobrar o lombo, pero que no meu caso me permitiu atopar a maneira de gozar de ser nai”.

Os materiais da campaña

Ao abeiro de “Elas son a forza do Nadal”, a Deputación porá en marcha unha campaña divulgativa nos medios de comunicación tradicionais e online con insercións para visibilizar as protagonistas, así como nas redes sociais da institución. Distribuiranse os seguintes materiais: un audiovisual xenérico con todas as protagonistas, seis pezas particulares co testemuño de cada unha delas, carteis xerais e individuais de cada unha das protagonistas, e cuñas de radio que dan a coñecer a todas as mulleres que traballan no sector primario e animan a mercar os produtos de proximidade. Nos vídeos “as mulleres falan do seu traballo, a súa paixón por el, as dificultades da xornada e sobre a necesidade de ter cada vez máis dereitos e garantías”. A presidenta avogou por “garantir, desde as administracións públicas, todos os dereitos que as mulleres veñen reivindicando de forma habitual, porque o seu traballo é moi duro”.

videos