“Materia Tatuada”, a potente exposición da colección persoal de Soledad Penalta, chega á sede da Deputación en Vigo

A mostra presenta sete obras de gran formato feitas en ferro e aceiro que amosan a traxectoria vital da escultora

05/04/2022

Materia Tatuada

A Sala Maruja Mallo da sede da Deputación na viguesa rúa Chao acolle desde esta tarde a vibrante exposición da escultura de Soledad Penalta, “pezas gravadas, cheas de vida, que amosan á perfección o diálogo entre xeometría, abstracción e figuración que caracterizan a una artista extraordinaria”, como subliñou a presidenta provincial, Carmela Silva, na inauguración da mostra. A exposición da recoñecida escultora, comisariada por Rosario Sarmiento, leva o nome de “Materia Tatuada” e  se poderá ver ata o 22 de maio despois do acto de apertura de hoxe no que sonaron as   melodías de “La Llorona” de Chavela Vargas, “Quen Puidera namorala” ou “Barlovento”, na voz da cantautora viguesa Sara Casas, coa presenza da propia Penalta e de colectivos da arte e da cultura da cidade.

“Hai mulleres, moitas e moi potentes, como Soledad, que precisamos visibilizar, nomear e situar en lugares protagonistas” asegurou Carmela Silva, en referencia á protagonista da tarde, unha das poucas artistas da súa xeración en Galicia que, xunto con Elena Colmeiro, en cerámica, traballou en obra pública con pezas de gran formato e materiais pesados. A presidenta aproveitou a inauguración de “Materia Tatuada” en Vigo para enxalzar o papel da muller no mundo artístico, “tantas veces invisibilizadas pero sempre activas”, e recordou a necesidade de recuperar ás grandes referentes femininas que existen na historia da arte. 

Materia Tatuada” recolle sete obras da colección persoal da escultora en gran formato que amosan a súa  traxectoria vital como son “Bosque”, dúas pezas “S/T”, “Distopía”, “Germinal”, “Asubíos do vento” e “Diacronía” elaboradas, na súa totalidade en ferro, aceiro inoxidable ou aceiro cortén. Algunhas delas mesturan abstracción e figuración, como “Bosque”, e outras fan mesmo cantar ao aire coas finas láminas de metal que a compoñen como “Asubíos do vento”. E todas, tal e como asegurou a presidenta, “amosan o inmenso universo creativo de Soledad Penalta do que dende o pasado ano gozamos no Pazo provincial, en Pontevedra, cando nada máis entrar vemos, nun lugar protagonista como non podía ser doutro xeito, ese abrazo protector á provincia que tan ben reflectiu a artista”.

Tamén afondou nas pezas a comisaria da exposición, Rosario Sarmiento, quen afirmou que “Soledad tatúa a pel das obras, limando con coidado as súas superficies para sacarlle brillo e formar irisacións que reflictan a luz, facéndoa máis cálida e volumétrica”.  Algo sobre o que  falou a propia artista, Soledad Penalta, ao explicar que “escribo nas pezas os meus pensamentos, ás veces poesías e outras veces reflicto algo que me gusta doutra persoa”.  

As pezas que descansan na Sala Maruja da sede provincial de Vigo caracterízanse polo peso da linguaxe abstracta, os xogos de planos e de formas antropomórficas, así como polo emprego de caligrafías que cubren as esculturas con reflexións sobre as inquedanzas, medos, esperanzas e desexos de Soledad Penalta. A escultora, especializada en obras de aceiro e metal, leva case 40 anos de traballo nas súas costas tras recibir formación na Coruña, Barcelona, Italia e, entre outros lugares, Estados Unidos. Ten participado en exposicións individuais e colectivas en Galicia, París ou Florencia. En Galicia podemos atopar pezas súas en lugares públicos como o parque escultórico da Torre de Hércules, o paseo marítimo de Baiona e o Pazo provincial da Deputación en Pontevedra.

Galerias de imagenes

videos