A Deputación e FADEMUR promoverán os valores da igualdade nas escolas rurais da provincia

A institución provincial destina 10.000 euros para desenvolver campañas, obradoiros e accións de formación e sensibilización que permitan crear entre a infancia e a rapazada comportamentos igualitarios e de loita contra as violencias machistas

19/06/2023

A Deputación de Pontevedra colabora con FADEMUR Galicia para o desenvolvemento do proxecto “Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais” durante este ano. A institución financiará o proxecto con 10.000 euros para achegar ás escolas das zonas rurais da provincia de Pontevedra novas campañas de sensibilización máis personalizadas, con intervencións máis directas e que atendan as especificidades de cada colexio e, dentro deles, tamén de cada aula. Deste xeito, traballarase directamente coas nenas, nenos, mozas e mozos que cursen o ensino obrigatorio para conseguir que adquiran habilidades, coñecementos e recursos que lles sirvan de base para recoñecer situacións de violencia e, ademais, saber como poder actuar fronte a elas.

 “Promovendo valores en igualdade nas escolas rurais” consistirá nunha serie de campañas, obradoiros e outras accións tanto de formación como de sensibilización que se fundamentan principalmente na idea de establecer as bases, os coñecementos, as actitudes necesarias e a creación de ferramentas coas que adoptar comportamentos máis igualitarios e de loita contra todo tipo de violencia que se exerza contra as mulleres. Deste xeito, as nenas, nenos, mozas e mozos aprenderán a establecer relacións equilibradas e construtivas, condutas e habilidades para vivir libres de violencia, recoñecer a violencia en si mesmas e noutras persoas, e adquirir habilidades persoais de autoprotección. Tamén aprenderán a comprender as desigualdades de xénero, coñecer a relación entre mitos, sexismo e violencia de xénero, diminuír o grao de adhesión aos mitos do amor romántico e ás actitudes sexistas, identificar os sinais de violencia de xénero e as ferramentas para facerlles fronte, ou comprender o que significan a igualdade e o feminismo. No proxecto aprenderán a historia da loita pola igualdade, identificarán as formas de discriminación de xénero en todo o mundo, empregarán a expresión artística para fomentar a igualdade e previr a violencia de xénero, escoitarán puntos de vista desde distintas idades e farase partícipe a xuventude e as mulleres do asociacionismo na loita contra a violencia de xénero.

Outros obxectivos desta colaboración entre a Deputación e FADEMUR Galicia serán que as crianzas e a mocidade coñezan os conceptos e a relación entre sexo, xénero e desigualdade, recoñezan actitudes sexistas e o seu carácter ambivalente, debatan sobre as expectativas de parella e identifiquen o que se considera amor, coñezan os mitos do amor romántico e a maneira de rebatelos e identificalos en películas, cancións e textos que lles sexan familiares, comprendan as causas da violencia de xénero e rebatan os mitos en relación con este tipo de violencia.

Do mesmo xeito, poderán identificar os mecanismos e os sinais de alerta, a influencia das novas tecnoloxías nas relacións íntimas, reflexionar sobre o que debemos facer ante unha relación tóxica, desmontar as falsas crenzas sobre a loita pola igualdade e identificar as diferentes formas de discriminacións de xénero, descubrir a historia das mulleres, fomentar o traballo de grupo e a participación das nenas, nenos, mozas, mozos e mulleres do ámbito rural, ou promover estratexias de apoderamento das mulleres que fomenten o autocoidado e o benestar persoal.