Deputación e a asociación Nós Mesmas promoven un plan de formación sobre diversidade afectiva e de xénero en escolas públicas da provincia

Está enfocado tanto ao alumnado dos diferentes ciclos como ao profesorado e prevé dotar á comunidade educativa das ferramentas para detectar e intervir nas situacións de acoso

01/07/2023

A Deputación de Pontevedra e a asociación Nós Mesmas están a promover conxuntamente neste 2023 o Plan de formación en diversidade afectivo-sexual e de xénero (DASeX) en 40 centros de ensinanza públicos de Infantil, Primaria, Secundaria e Formación Profesional da provincia de Pontevedra. A finalidade do mesmo é formar ao alumnado e ao profesorado, proporcionándolles as ferramentas e os coñecementos precisos para prever posibles situacións de acoso, detectalas e intervir nelas, así como dar formación ao resto da comunidade educativa. Desta maneira, busca deter a violencia entre iguais contra nenas e nenos por motivo da súa orientación sexual, da súa identidade de xénero real ou figurada ou pola súa expresión de xénero.

O plan de formación ten por obxectivos promover o pleno desenvolvemento da personalidade e das capacidades afectivas do alumnado; a formación no respecto polos dereitos e liberdades, o recoñecemento da DASeX e a valoración crítica das desigualdades que permita superar os comportamentos sexistas. Ademais, búscase integrar o respecto da diversidade afectivo-sexual e de xénero como valor da comunidade educativa, formar ao alumnado sobre a DASeX, proporcionar ferramentas ás que acudir en caso de ser vítima de acoso LGTBfóbico ou de coñecer esta situación e formar ao equipo docente nesta materia.

Entre as actividades que se están levando a cabo destacan os obradoiros sobre DASeX en centros educativos da provincia de Pontevedra, nos que neste 2023 vanse impartir unhas 250 charlas, xornadas de formación específicas para o profesorado e a elaboración e difusión de carteis que visibilicen a DASeX nos centros de secundaria. De maneira indirecta todas estas accións chegarán tamén ao resto da comunidade educativa, como o equipo directivo, os traballadores e traballadoras dos centros educativos e ás familias do alumnado ou incluso á veciñanza.