A exposición Novos Valores 2023 leva ao Museo de Pontevedra a obra dos talentos emerxentes da arte contemporánea galega

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou a mostra e subliñou “que representa á perfección a riqueza creativa das novas fornadas de artistas”. Tamén desexou ás persoas gañadoras que este recoñecemento “sexa unha panca para impulsar as vosas carreiras”

13/07/2023

Inauguración Novos Valores 2023

A exposición ‘Novos Valores 2023’ abriu as súas portas no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra. O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez e o director do Museo, José Manuel Rey, inauguraron a mostra que reúne as 20 obras finalistas da edición deste ano, entre as que se elixiron as catro pezas gañadoras das bolsas de 7.500 euros para ampliación de estudos, creadas por Sandra Barreiro Parquiña, Antía Iglesias Fernández, Andrés Sanjurjo García e Lucía Perdiz Dávila. A exposición estará aberta ata o 24 de setembro.

“Novos Valores significa innovación e renovación. Innovación e renovación significan avance. Iso é o que imos facer nos próximos tempos non soamente no Museo de Pontevedra, senón por extensión na Deputación: innovar, renovar e avanzar”, subliñou o vicepresidente Rafa Domínguez na apertura da mostra. Sobre a exposición destacou que “hai unha enorme variedade de propostas, que van da pintura á videocreación, pasando pola escultura, as instalacións, a cerámica, o debuxo, a fotografía, o deseño téxtil... Múltiples linguaxes para tratar conceptos diversos, que representa á perfección a riqueza creativa das novas fornadas de artistas, algo que sen dúbida debemos celebrar”. Ademais, durante o acto, o vicepresidente dirixiuse ás persoas premiadas para desexarlles que este recoñecemento sexa “unha panca que axude a impulsar as vosas carreiras”. “Os vosos nomes –subliñou- pasarán a formar parte da nómina de persoas premiadas nun certame de prestixio convocado por unha das grandes institucións culturais de Galicia, o Museo de Pontevedra, e moi pronto estaredes no top ten da creación artística non soamente galega senón nacional e internacional”.  

Pola súa banda o director do Museo, José Manuel Rey, fixo fincapé na importancia que ten este certame para a Museo: “axúdanos a romper esa barreira mental que parece afastar de maneira artificial unha institución histórica e respectada como esta da efervescencia e os ámbitos de interese da xente máis nova”. E engadiu que Novos Valores “é unha porta de entrada ao Museo para moitas creadoras e creadores, unha maneira de facerlles saber que esta casa tamén é súa”. Lembrou ademais que o certame “dá continuidade á política de decidido apoio ás manifestacións artísticas que a Deputación mantén desde o século XIX e que se concretou xa daquela nun programa de pensións a artistas que se iniciou en 1864 e do que este certame é herdeiro”.

Inauguración Novos Valores 2023

Catro premios

Sandra Barreiro Parguina (Pontevedra, 1995) é unha artista plástica que se dedica principalmente á disciplina do debuxo e ó deseño gráfico téxtil, cun grande interese no mundo do pano de seda. Conta cun grao en Belas Artes e co máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda, ambos pola Universidade de Vigo, onde cursa actualmente o programa de doutorado en Creación e Investigación de Arte Contemporánea. Traballa para a empresa de estampados textís Mitwill en Mulhouse (Francia). Ao certame presentou a peza ‘1851-1888-1900’, na que rescata o imaxinario visual e arquitectónico das grandes exposicións universais de Londres, Barcelona e París. Faino con ilustracións sobre panos de seda que levitan sobre o espazo que ocupan no claustro.

Antía Iglesias Fernández (Galicia, 1997) é artista, deseñadora e investigadora. Os seus ámbitos de traballo son a investigación en deseño e artesanía, a ilustración, o deseño gráfico, o deseño editorial, a dirección de arte e o deseño experimental. Conta cun grao en Belas Artes e un máster en Dirección de Arte en Publicidade, ambos pola Universidade de Vigo, onde actualmente desenvolve a súa tese doutoral.  A instalación ‘Estados intermedios-Estados residuales’ coa que participou en Novos Valores sitúase entre a galería e o laboratorio. A través da transformación e exposición de especies vexetais invasoras, representa a multidimensionalidade do mundo vexetal.

Andrés Sanjurjo García (A Coruña, 1993) é produtor, cineasta e investigador. Conta cun grao en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Burgos, un máster en Documental de Creación e outro en Estudos de Cine e Audiovisual Contemporáneos, ambos pola Universitat Pompeu Fabra. Realizou a curtametraxe O baile dos redeiros e, desde a súa produtora Acariño Films, a longa documental Alén mar. Actualmente desenvolve a longametraxe Limosna. No videoensaio ‘Canto custa unha imaxe?’, utiliza imaxes da gravación de Alén mar catro anos antes na illa de Chiloé (Chile) para presentar unha análise crítica sobre un aspecto do audiovisual documental que normalmente permanece oculto: as negociacións e os pactos que se agochan detrás dos retratos de persoas.

Lucía Perdiz Dávila (Muíños, Ourense, 1988) é técnica en Caracterización e Maquillaxe Profesional pola Escola de Imaxe e Son de Vigo, técnica superior en Artes Aplicadas á Escultura pola Escola de Artes Superior Mestre Mateo, conta cun grao en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cun máster en Educación pola mesma universidade. Participou en diferentes exposicións, residencias e concursos, como o que a levou a expoñer no MARCO de Vigo no 2022 coa bolsa ‘Future Stories’. A súa obra ‘Percorrer, atravesar, andar’ é unha peza escultórica que xorde do traballo da autora sobre os conceptos de mobilidade e territorio e que se materializa nunha acumulación de vultos atados fortemente que se erguen sobre un bidón metálico.

Ademais das catro pezas premiadas, na exposición pódense ver as obras seleccionadas de Juncal Alma, Raquel Álvarez, Lidia Amado Rodríguez, Manuel Alejandro Balsas Navarro, Carolina Bouza, Andrea Domínguez, Iago Fontoira, Susana Gómez García, Uxía González Fernández, Nerea Gundín, Andrea León, Ignacio Noreña Ricoy, Mariña P. Vilar, Marta Regojo Díaz-Obregón, Cristina Rus e Carmen Suárez Marcos.

Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas, seguindo o labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis que se vén a realizar de maneira histórica dende a segunda metade do século XIX.

Galerias de imaxes

audios