As actividades formativas do programa da Deputación “Conectadas” continúan esta semana en catro concellos

Máis de 60 mulleres de Moaña, A Guarda, A Estrada e Vigo participan en cursos de pilates, apoderamento e liderado, personalización de álbums e relaxación e manexo do estrés

15/08/2023

Esta semana desenvolveranse novas accións formativas no marco do programa “Conectadas” da Deputación de Pontevedra nas que participarán 62 mulleres dos concellos de Moaña, A Guarda, A Estrada e Vigo. Esta iniciativa ten como principal obxectivo potenciar a participación e a promoción das mulleres a través de accións formativas que este ano se desenvolverán en 53 concellos con máis de 4.000 usuarias.

O xoves 17 de agosto comezará un curso de pilates para 25 mulleres da Asociación de Mulleres Rurais O Menhir de Moraña, que terá lugar os martes na sala multiúsos do concello en horario de 17:00 a 18:30 horas. O mesmo día comezará na Guarda un curso de apoderamento e liderado para 13 usuarias da Asociación Érguete, que se desenvolverá os mércores e xoves de 11:00 a 13:30 horas.

O día seguinte, o venres 18 de agosto, dará comezo un curso de iniciación á personalización de álbums para a Asociación de Mulleres Rurais de Ribeira, na Estrada, do que se beneficiarán 12 mulleres en horario de 20:30 a 22:00 horas todos os martes e venres na Casa da Escola da parroquia. E, por último, a partir deste sábado 19 de agosto 12 mulleres da Asociación Veciñal Novo Vigo participarán nun curso sobre relaxación e manexo do estrés que se impartirá todos os sábados de 10:30 a 12:30 horas na sede da entidade.

Neste 2023 participan no programa “Conectadas” 219 entidades de 53 concellos da provincia (Agolada, Arbo, Baiona, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Crecente, Dozón, A Estrada, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, A Lama, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, Pazos, Poio, Ponte Caldelas, Ponteareas, Pontevedra, Portas, Redondela, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vila de Cruces, Vilaboa, Vilagarcía e Vilanova).

Os colectivos beneficiarios puideron escoller entre 30 obradoiros ofertados dentro de cinco bloques temáticos: “Emprende, iniciativas sostibles para o emprego”, “ExpresARTE”, “Conéctate”, “Sementa sostibilidade” e “O teu momento. Coidado e benestar”. Todas as accións formativas inclúen, de forma transversal nos seus contidos, o tratamento da igualdade entre homes e mulleres e teñen unha duración de 35 horas.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.