Luis López defende no Parlamento que un de cada tres euros do Orzamento récord da Deputación destinarase ao apoio directo aos concellos

O presidente provincial presenta as contas na Comisión Terceira da Cámara autonómica, logo de sete anos sen que o titular do Goberno provincial comparecese: “non vir aquí sería algo máis que faltar ao respecto a esta cámara, sería fallarlle ao traballo de moitas persoas. Ausentarse non é defender a autonomía local”, asegura

03/11/2023

Pressentacion orzamentos 2024

Despois de sete anos de ausencia, a Deputación de Pontevedra volve estar presente no Parlamento de Galicia para presentar os orzamentos do próximo ano. O presidente, Luis López, compareceu este venres na Comisión Terceira de Economía, Facenda e Orzamentos para detallar unhas contas que “significan máis municipalismo, máis transformación deportiva, turística, cultural ou comunitaria; máis autonomía local e, en definitiva, máis provincia”. Na súa intervención, o mandatario provincial recalcou que un de cada tres euros dos 189,2 millóns que compoñen este orzamento “van destinados ao apoio directo aos concellos”.

O máximo responsable da Deputación de Pontevedra amosouse “moi honrado” por comparecer no Parlamento por primeira vez e achegou un amplo número de razóns para xustificar a súa intervención. Unha asistencia que se debe, en primeiro lugar, a “expoñer as liñas mestras dos orzamentos, os primeiros que levarán o selo do Goberno que encabezo”; tamén por darlle “cumprimento a unha obriga que se lle presupón a calquera gobernante democrático: render contas”, puntualizou o dirixente. Ademais, “fágoo porque creo no diálogo, no intercambio cordial de ideas e nun escenario onde as institucións están condenadas a entenderse antes que a enfrontarse. Respondo a esta chamada porque hai un traballo, un proxecto e unhas contas solventes que merecen a pena ser expostas co maior convencemento”, remarcou Luis López.

Pola contra, tamén quixo referirse ás consecuencias que supón a ausencia do representante da Deputación no Parlamento de Galicia, como viña ocorrendo co Goberno anterior durante os sete últimos exercicios. “Non vir aquí sería algo máis que faltarlle ao respecto a esta cámara ou a vostedes; sería fallarlle ao traballo de moitas persoas. Ausentarse non é defender a autonomía local. De non acudir a esta cita, nin eu tería a oportunidade de explicarme nin vostedes de replicarme. Ocorrería simplemente o que xa viña sucedendo nos últimos sete anos coa ausencia reiterada da anterior presidenta da Deputación”, sostén o dirixente provincial.  

As contas do municipalismo

Despois de asegurar a súa asistencia o próximo ano, Luis López pasou a detallar as partidas do “maior orzamento da historia da Deputación”. A cifra global ascende a 189,2 millóns de euros, o que supón un 4,2 % máis que as contas do ano anterior; é dicir, 7,6 millóns de incremento en comparación co pasado exercicio.

O presidente da Deputación argumentou que o proxecto se sustenta sobre tres eixes principais: “o compromiso de gobernar para todos, a transformación da provincia e o municipalismo”.

Neste sentido, o mandatario provincial achegou exemplos de iniciativas concretas realizadas nos primeiros días do mandato relacionadas con cada unha destas tres liñas. O apoio ao pacto de Pedre ou a modificación das bases do programa “PON 2030” para acabar coas cláusulas anti-Xunta e anti-Estado son mostra da colaboración entre administracións e a “renuncia expresa ao sectarismo ideolóxico”, sinalou. O relanzamento de Trazas para devolverlles o esplendor aos castros ou a reformulación do proxecto de Santa Clara relaciónanse coa intención de transformar a provincia para “ser referencia”. E, finalmente, os 18,5 millóns de euros mobilizados pola Deputación nos primeiros cen días de goberno, cuxo 70 % se destinou aos concellos, son un exemplo de “municipalismo”.

Sobre o contido das contas, Luis López quixo deterse na partida de Cooperación, na que se enmarca o programa “+Provincia”. “O maior plan de obras e servizos da historia da casa, dotado con 48,2 millóns de euros: un 9 % máis que o ano anterior e o triplo do incremento que nos demandaba a oposición”, subliñou o dirixente. En cen días o Goberno provincial actual foi quen de incrementar a contía do plan de obras e servizos máis que o anterior executivo en oito anos.

En total, esta partida suma 66 millóns de euros, un 16% máis que no exercicio previo; é dicir, “un de cada tres euros deste orzamento van destinados a apoio directo aos concellos”, recalcou.

Aposta polo turismo e polo deporte

As contas reflicten tamén unha “aposta” polos eidos que contribúen a xerar economía e benestar, e a crear imaxe de marca na provincia. A partida destinada a Deporte medra un 19 % para situarse nos 5,5 millóns, a de Turismo sobe un 1,8 % e chega aos 5,6 millóns, e a de Cultura alcanza os 4,7 millóns despois dun incremento do 20 %. Ademais, as contas do Museo de Pontevedra crecen un 3,2 % para situarse nos 10,3 millóns e créase un novo Servizo de Xuventude e Reto Demográfico dotado con 1,2 millóns de euros.

Así mesmo, López afirmou que os orzamentos provinciais debuxan un escenario de “déficit cero, realista, condicionado pola inflación e cunha mellora asociada ás condicións do persoal público”, entre elas, a mellora salarial do 3 %, a creación de 26 novas prazas ou a continuación do proceso de funcionarización do persoal laboral.

Finalmente, o presidente da Deputación concluíu a súa intervención facendo referencia ao lema da recentemente estreada imaxe institucional do organismo provincial. “Nos últimos sete anos esta comisión atopou na Deputación de Pontevedra un muro ao diálogo, á colaboración e á transparencia. Pretendo que agora atopen unha ponte. Unha ponte cos cidadáns, unha ponte cos 61 concellos e unha ponte con outras administracións. O Parlamento de Galicia é unha delas, e así o estamos a demostrar este venres”, rematou Luis López.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.