A Deputación levará ao Concello de Mondariz o documental ’20 anos de dignidade’ sobre o afundimento do ‘Prestige’

A proxección realizarase o vindeiro luns 19 de decembro no auditorio municipal en dous pases, ás 16.15h e ás 20.30h

15/12/2022

A Deputación de Pontevedra vai levar ao Concello de Mondariz o documental ’20 anos de dignidade’, baseado no afundimento do petroleiro Prestige na costa galega, do que se vén de cumprir o vixésimo aniversario o pasado 13 de novembro, e que provocou a maior catástrofe medio ambiental na historia do país. O visionado realizarse o vindeiro luns 19 de decembro na sala de proxeccións do auditorio municipal en dous pases, ás catro e cuarto da tarde e ás oito e media da noite, con entrada libre ata completar capacidade.

As proxeccións organizaranse dende o departamento de Patrimonio Documental e Bibliográfico dirixido pola deputada María Ortega, quen subliñou que “é fundamental poder transmitir o que supuxo o afundimento do Prestige, tanto polas súas terribles consecuencias medioambientais como pola marea de solidariedade colectiva que se produciu”.

O audiovisual, do director Jose Manuel Aragunde Pereira, ten unha duración de 45 minutos e foi creado especialmente pensando na xente máis nova, que naceu despois da traxedia: un 15,7% da poboación galega actual ten menos de 20 anos e non foi partícipe do suceso en 2002. De feito, as proxeccións poderán realizarse en centros de ensino.

A peza transmite un relato do acontecido no momento do afundimento, amosando imaxes do estado da costa galega, das praias, da flora e da fauna afectadas polo chapapote derramado. Conta con entrevistas a un amplo sector da sociedade que viviu a situación en primeira persoa, desde xente do mar que saíu a frear a marea negra ao voluntariado, pasando polas persoas que se encargaron da xestión.

A proxección lembrará os feitos que están e se manterán que na memoria das persoas que viviron o suceso no seu momento: que o accidente trouxo consigo un gran desastre económico coa prohibición de pescar e mariscar desde o 16 de novembro e durante varios meses, feito que ocasionou grandes perdas económicas a todas o sector vinculado, tanto directa como indirectamente, co sector do mar.

No caso da provincia de Pontevedra, con 398 quilómetros de costa, unha das zonas con gran afectación medio ambiental foi o parque nacional Illas Atlánticas e, en especial, a Illa de Ons,  tanto na súa superficie como no seu fondo mariño.

Ademais do Concello de Mondariz, as proxeccións faranse noutros cinco concellos da provincia, os primeiros que presentaron a instancia e cumpriron os requirimentos técnicos das bases.