Últimos días para inscribirse nas Xornadas de Museos e Educación Patrimonial que organiza o Museo de Pontevedra

O 3 e 4 de novembro representantes de institucións de toda a península analizarán o futuro da educación patrimonial

20/10/2022

Ata o próximo luns 24 de outubro está aberta a inscrición ás II Xornadas sobre Museos e Educación Patrimonial, que se celebrarán no Museo de Pontevedra os días 3 e 4 de novembro. Baixo o lema ‘Construíndo futuros desde a educación’, as xornadas reunirán a profesionais e persoal investigador de museos e universidades de Galicia, España e Portugal, que porán en común experiencias en educación patrimonial e debaterán sobre os camiños a seguir neste eido. 

As xornadas están dirixidas a profesionais e investigadoras relacionadas coa acción cultural e educativa nos museos, pero tamén a persoas que traballen a educación patrimonial desde outros ámbitos e estudantado relacionado con Humanidades, entre outro público. A inscrición é totalmente gratuíta grazas ao patrocinio da Deputación. Pódese facer a través da web https://epatrimonial-museopontevedra.depo.gal.

As xornadas están organizadas polo Museo de Pontevedra e a Universidade de Santiago de Compostela e contarán coa participación de representantes do Museo Arqueológico Nacional, o Museo do Pobo Galego, o Museo Würth La Rioja, o Museu de Lamego ou a Rede Museística de Lugo, así como do CSIC e de universidades como a Complutense de Madrid, a Jaume I, a de Barcelona, a de Murcia ou a de Huelva.

Con esta edición dáselle así continuidade a estas xornadas que se puxeron en marcha en 2021, consolidando o Museo como referente no debate sobre a investigación e a innovación na difusión do patrimonio. O encontro deste ano ten tres eixos: unha educación patrimonial para o cambio social; os novos formatos e medios na educación e acción cultural; e a creación de redes de colaboración entre institucións. Desenvolveranse a través de dous  relatorios, tres mesas redondas, unha sesión de pósters e tres obradoiros.

As xornadas están dirixidas por José Manuel Rey, director do Museo de Pontevedra, e Belén Castro, coordinadora da Área de Didáctica das Ciencias Sociais da USC. Os relatorios serán a cargo de María Jesús Rubio Visiers do Museo Arqueológico Nacional e Carmen Palacios do Museo Würth La Rioja. Nas mesas redondas participarán investigadoras e profesionais como Miguel Ángel Cagigal, Encarna Lago, Alexandra Falcão e Cristina Sánchez-Carretero.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.