Visitas guiadas e dous obradoiros impartidos polo fotógrafo Xulio Gil complementarán a súa exposición ‘Símbolos do Conflito’ no Museo

Co título ‘A mirada obxectivada’, as actividades tratarán de introducir a rapaces e rapazas de 10 a 16 anos nas claves da ollada fotográfica

13/02/2023

Visitas guiadas e dous obradoiros impartidos polo fotógrafo Xulio Gil

O Museo de Pontevedra reúne ata o 27 de marzo as últimas series fotográficas de Xulio Gil na mostra ‘Símbolos do conflito’. Coincidindo con esta exposición, o Museo presenta unha programación paralela co fotógrafo vigués como protagonista, con visitas guiadas para público xeral e obradoiros para xente nova.

A exposición contará con visitas guiadas todos os xoves ás 18 horas. Xulio Gil será o encargado de guiar esas visitas os días 16 de febreiro e 2 e 16 de marzo. As demais visitas guiadas correrán a cargo do equipo de Educación do Museo. O acceso ás visitas é libre e non é necesaria a inscrición previa.

En marzo terán lugar dous obradoiros dirixidos a xente nova, co título ‘A mirada obxectivada’. O primeiro deles será o sábado 11 de marzo de 10:30 a 12:00 horas, dirixido a nenos e nenas de 10 a 12 anos. O sábado seguinte, 18 de marzo, a quenda será para os rapaces e rapazas de 13 a 16 anos.

O obxectivo dos obradoiros é achegar á rapazada participante as claves da mirada fotográfica, unha aprendizaxe sobre como mirar a realidade para atopar a fotografía. A inscrición aos obradoiros pódese facer escribindo a reservas.museo@depo.gal.

A exposición ‘Símbolos do conflito. Fotografías de Xulio Gil’ reúne os traballos conceptuais que o fotógrafo vigués realizou desde o ano 2000. Está comisariada polo fotógrafo e profesor Xosé Lois Gutiérrez Faílde e organízase en once series: ‘Fénix’ (2000), ‘Retablos esenciais’ (2007-2015), ‘Trompos’ (2008),  ‘Matrilineal’ (2009), ‘Capela dos arcos’ (2010), ‘Capela dos homes’ (2010),  ‘Cepas vellas’ (2016), ‘Cúpulas’ (2017), ‘Moradas’ (2018), ‘Penumbra da sal’ (2019) e ‘Gastro centro/Gastrofuturo’ (2020-21).

Xulio Gil naceu en Ourense en 1954 e reside en Vigo. Matemático de profesión, desenvolveu desde mediados da década de 1970 unha intensa carreira como fotógrafo, participando activamente nas transformacións da fotografía galega contemporánea. En 2013 recibiu o Premio da Crítica de Galicia das Artes Plásticas.

Desde os primeiros anos do século XXI, Xulio Gil foi superando e refinando as súas liñas de traballo e investigación estética anteriores. Introduciu de maneira sistemática a fotografía en cor, organizou a produción a partir de series fotográficas e afondou en pescudas estéticas que van da reflexión desde o imaxinario vernáculo ao establecemento dunha narrativa máis centrada na conceptualización que na indagación formal. Esta é a obra que se reúne na presente exposición, xunto con traballos editoriais e publicacións que foron realizadas ou que contaron coa participación do artista neste período.