O Museo recibe autorización de Patrimonio para realizar as sondaxes arqueolóxicas previas á rehabilitación dos seus edificios centrais

O presidente en funcións César Mosquera anuncia que están iniciados os traballos para solicitar fondos da liña PIREP no marco do Next Generation

08/04/2022

Mosquera

O Museo de Pontevedra vén de recibir autorización do servizo de Patrimonio da Xunta para realizar as sondaxes arqueolóxicas previas á rehabilitación dos edificios centrais. Así o anunciou hoxe o presidente en funcións da Deputación, César Mosquera, quen subliñou que os traballos comezarán en breve co obxectivo de dar pasos adiante para licitar as obras de reforma canto antes.

O nacionalista explicou que o informe de Patrimonio chegou no día de onte, se ben no Museo estaba todo preparado dende hai tempo para poder comezar: os edificios e as zonas axardinadas están baleiros de equipamento e limpos para que o persoal técnico poida actuar. A previsión é que os traballos, que levan tamén meses adxudicados á empresa arqueolóxica ‘Tempos’, se inicien xusto despois da Semana Santa cun prazo de execución moi breve, xa que a superficie a estudar é relativamente pequena. Prevese -por traballos feitos con anterioridade no subsolo e salvo grande erro- que non se atopará nada relevante e que o substrato aparecerá a pouca superficie.

Segundo subliñou Mosquera este novo paso vai encamiñado a licitar as obras de rehabilitación, que serán moi complexas, no máis breve espazo de tempo. Como xa adiantara a semana pasada logo de recibir o beneplácito de Patrimonio sobre o enfoque da reforma, o Museo está xa a traballar na redacción do proxecto de execución co que unir os edificios Castro Monteagudo e García Flórez.

O proxecto definitivo manterá a parte externa dos edificios tal e como está na actualidade tanto por esixencia de Patrimonio como polo plantexamento propio da Deputación e do Museo. No interior dos inmobles “limparanse” os engadidos construtivos coa intención de volver o máximo posible á súa versión orixinal, xa que ao longo dos anos levantáronse tabiques e outras divisións que nestes momentos non resultan prácticas.

Nesta primeira fase das obras tamén se ampliará e mellorará a conexión existente entre os dous edificios centrais máis antigos (García Flórez e Castro Monteagudo) para que unha vez se entra no conxunto a circulación entre un e outro poida facerse sen ter que saír a rúa. Deixarase para unha segunda etapa a conexión soterrada co edificio Fernández López.

Fondos europeos
Por outra banda, Mosquera tamén sinalou que a Deputación está a traballar para conseguir unha inxección económica do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP) no marco dos fondos Next Generation. “Estamos a dar pasos, uns máis áxiles e outros retrásanse, pero está todo encaixado para licitar as obras que serán moi complexas”, finalizou.

Os convenios que dan soporte ao PIREP teñen por obxecto a concesión de axudas directas para a rehabilitación sustentable de todo tipo de edificios de titularidade pública e uso público por un importe de 480 millóns de euros.

A finalidade de tales créditos é financiar aquelas actuacións que, no marco dunha rehabilitación integral, garantan o cumprimento dos requisitos establecidos polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia ( PRTR). As actuacións que sexan obxecto de financiamento deberán ter un carácter integrado, no sentido definido pola Axenda Urbana Española, e responder os criterios de sustentabilidade, inclusión e calidade estética previstos pola Nova Bauhaus Europea.

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.