O ‘CACTO’ de Catoira, centro turístico e histórico de referencia grazas ao Plan de Reequilibrio da Deputación

O Centro de Activación Cultural Torres de Oeste reestruturarase para acoller pezas orixinais, entre elas as ánforas atopadas baixo as augas do río Ulla

27/12/2022

CACTO Catoira

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Catoira, Alberto García, visitaron o Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO), unha dotación cultural e museística financiada totalmente con fondos da institución provincial. O proxecto foi un dos 25 que obtiveron financiamento no Plan de Reequilibrio, a través do cal se lle fixo unha achega de 386.958 euros, e a porcentaxe municipal foi subsidiada co Plan Concellos cunha axuda doutros 96.739 €.

A presidenta provincial, Carmela Silva, asegurou estar “moi gratamente sorprendida deste centro polo seu relato da historia de Galicia, das incursións e relacións con outros pobos que se produciron nela”. “Todos estes pobos”, salientou, “pasaron por Catoira xa que este concello é clave para coñecer o desenvolvemento de Galicia e do resto dos reinos da península”. Carmela Silva salientou “a calidade de como conta a nosa historia, xa que é importante saber relatar e aquí hai un relato moi intelixente e atractivo, que fai que as persoas visitantes reciban moita información dunha forma moi asumible”.

A presidenta da Deputación felicitou o alcalde de Catoira “porque esta foi unha aposta persoal e decidida pola historia, pola cultura e polo patrimonio, cunha inmensa capacidade de atracción de visitantes” que permite que a vila “se convertese xa nun centro imprescindible non só de turismo, senón de paixón polo patrimonio e a historia, para coñecer de onde vimos”.

Aposta por pezas orixinais e novos proxectos para o CACTO

O alcalde de Catoira, Alberto García, sinalou que “é unha satisfacción que a Deputación veña visitar o CACTO, que contén e conta a historia de toda Galicia”. O rexedor fixo importantes anuncios sobre o futuro do centro cultural, como “unha futura reestruturación para acoller pezas que se atoparon nas Torres de Oeste, como as lucernas ou as ánforas que apareceron nos “pecios” do río Ulla” –a presidenta e o alcalde observaron estas pezas na súa visita– “e que grazas á xestión do Concello foron cedidas a este centro cultural”. Ademais, García tamén adiantou que “a Deputación e o Concello editaremos un libro escrito polo técnico arqueólogo Diego Piay –presente no percorrido e autor do título publicado pola Deputación e a editorial Alvarellos ‘María Vinyals. A muller do porvir’–, que recolle a historia de Catoira desde os pobos romano e o suevo ata a actualidade para dar conta da importancia do enclave das Torres de Oeste”.

Carmela Silva apreciou o “inmenso valor que supón a aposta por que o CACTO teña pezas orixinais que se atoparon aquí hai centos de anos”. A presidenta tamén deu os parabéns ao Concello de Catoira “polas numerosas iniciativas para seguir estudando, investigando e coñecendo a súa historia, o cal nos dota de moitos elementos para xerar atracción”. “Galicia ten unha historia milenaria e Catoira sitúase no seu centro, e hai que poñer moito en valor que o Concello teña un modelo claro e dedique recursos a recuperala”, concluíu a presidenta da Deputación de Pontevedra.

Un percorrido pola historia da provincia como nexo de unión con outros pobos

O CACTO naceu como centro de interpretación das Torres de Oeste para realizar un achegamento á historia deste enclave: unha insua na desembocadura do Ulla que constituíu a porta de acceso e fronteira de protección desde o océano cara ao interior e ás terras de Compostela.

O centro, estratexicamente situado para que as persoas visitantes pasen por el antes de achegarse ás Torres, ten paneis informativos, réplicas que contextualizan distintas etapas da historia das Torres e unidades audiovisuais, como unha videoprodución de gran formato no soto que permite revivir o desembarco en primeira persoa. A concepción do proxecto permite afondar de xeito interactivo e inmersivo nos contidos da mostra. No andar superior sitúase un espazo para actividade cultural que permite acoller presentacións, talleres e visitas escolares. Tamén se usa como unha extensión expositiva cunha ollada ao patrimonio cultural de Catoira. Ademais, levouse a cabo a construción en Irlanda do Norte do drakkar (barco viquingo) ‘Ardglass-Catoira’.

Grazas aos fondos da Deputación, no CACTO as persoas visitantes poden gozar dun percorrido histórico que comeza desde a pegada da prehistoria na contorna, cos primitivos tráficos comerciais marítimos na cultura castrexa e continuados durante o Imperio Romano, pasando pola reconstrución e reforzo das Torres de Oeste na alta Idade Media para facer fronte ás incursións de novas ameazas chegadas desde o mar (incursións viquingas ou piratas almorábides).

Galerias de imaxes

videos