Ofrenda á Virxe Peregrina, patrona da provincia de Pontevedra, pronunciada polo presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López

13/08/2023

Aviso Fitosanitario

Comparezo ante ti, Virxe da Peregrina, como continuador dunha tradición inscrita nun lugar privilexiado da nosa historia común. Sinto, pois, un cúmulo de emocións dificilmente traducibles en palabras. Interveño desde o profundo respecto, desde a inmensa gratitude e desde o máis alto sentido da responsabilidade por representar, a través desta Ofrenda, aos pontevedreses que lle tributan devoción e afecto á Patroa da Provincia.

A estas alturas do meu camiño, avanzo como un humilde peregrino que pide amparo para afrontar unha etapa desafiante e esperanzadora. Fágoo plenamente consciente de onde veño –daquelas sendas primeiras de Rodeiro—, do que se agarda de min e do horizonte que temos por diante. Fágoo con resolución, con entusiasmo, con compromiso. Pero non me atopo só nesta encrucillada.

Miro cara atrás e tomo o relevo das tradicións que son obra da xente. Asumo os símbolos depurados polo paso do tempo. O mundo non naceu con nós. Liturxias como esta Ofrenda e monumentos como esta Capela son recordatorios de que non somos máis que elos dunha cadea que se remonta á noite dos tempos. Nosa é a tarefa de preservar aquilo que nos une, de conservalo alleo á división para que nela poidan encontrarse os que nos sucedan.

Tamén miro ao meu carón e véxome acompañado dos membros da corporación provincial, de novo aquí. Somos camiñantes de distinta orixe, diferentes en formas de ser e facer, pero estamos unidos inequivocamente pola mesma vocación de servizo a Pontevedra.

E canda eles, e xunto con todos os cidadáns da provincia, miro ao futuro aos que nos diriximos a paso sereno pero firme. Como hoxe, seguen a ser innumerables os peregrinos e fieis que acoden ante a Patroa buscando tutela, consolo ou unha forza interior. Desexan encontrar un camiño ou encontrarse a si mesmos nun mundo en zozobra, asolado pola incerteza e o auxe da discordia.

No medio deste tempo convulso, as institucións recobran todo o seu sentido. Álzanse como lugares de encontro ante a permanente confrontación. Constitúen un patrimonio social ante a erosión de antigos vínculos; e representan un refuxio baixo o cal salvagardar aos que máis o precisan.

Neste día especial, tanto para a cidade como para a provincia, renovamos o compromiso de que a Deputación sexa a casa de todos os pontevedreses e a man amiga dos 61 concellos. Non somos nin a periferia dentro do mapa institucional, senón un punto de encontro onde conflúe a atención directa aos veciños co entendemento cara o resto das Administracións.

Seremos máis fortes canto máis unidos. Somos custodios dunha provincia que é Ponte entre ribeiras diversas pero nunca illadas. A nosa historia común convídanos a acercar persoas, a conectar ideas e a sumar forzas, e esa identidade nosa encaixa máis ca nunca coas necesidades do noso tempo.

Rogámosche, Virxe Peregrina, que nos concedas forza dabondo para afrontar todas as fendas do noso camiño. As educativas cargan de peso a mochila da nosa xuventude e impídenlles alcanzar con plena liberdade as súas aspiracións. As económicas son, por desgraza, unha presenza cotiá na vida de milleiros de familias e empresas. E as fendas de xénero son, a estas alturas de século XXI, unha realidade intolerable. Máxime, se a desigualdade atenta contra a propia vida das mulleres.

Acontecementos como a Guerra da Ucraína lémbrannos que non hai ningunha conquista definitiva. A garantía da paz e dos respecto aos dereitos humanos é unha tarefa permanente, como tamén o é a solidariedade con aqueles que están a sufrir as súa consecuencias máis devastadoras. Parte dese compromiso plásmase coa acollida dos nenos de Bucha aos que recibín no Príncipe Felipe.

Para eles, tamén somos esa Ponte que, sustentada en piares de concordia e entendemento, acolle cos brazos abertos a quen nos recibe. Celebramos o que somos, como se ve en todos os recunchos da provincia nestes días estivais. Acollemos aos nos visitan: entran cada vez máis numerosos, e saen cada máis marabillados. E demostrámonos como un fogar de portas abertas para os que desexan regresar a facer unha nova vida aquí, ou retomar a que deixaron atrás.

Desde esa íntima satisfacción do peregrino que se sabe parte de algo moi grande, rogámosche, nosa Patroa, que nos sigas sinalando o camiño da unidade, do entendemento e o progreso compartido. Que os nosos pasos conduzan á Pontevedra desexada por todos, e nela nos volvamos dar a man para avanzar xuntos de novo.

Luis López
Presidente da Deputación de Pontevedra

Galerias de imaxes