As terapias contra o cancro e a ciencia dos datos centran as últimas charlas para escolares do ciclo Aida Fernández Ríos

As conferencias, impulsadas pola Deputación e pola Real Academia Galega de Ciencias, impartiranas María Dolores Mayán e Rosa María Crujeiras e terán lugar este martes no IES Ponte Caldelas e no IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis

04/12/2023

As charlas de María Dolores Mayán e Rosa María Crujeiras porán fin este martes 5 de decembro ao IV Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, organizado pola Deputación de Pontevedra e pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) nos centros educativos da provincia. As terapias contra o cancro e a ciencia dos datos porán o broche de ouro ao ciclo no IES Ponte Caldelas e  no IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis tras o seu paso polo IES Illa de Ons  de Bueu, polo CPR Aloya de Vigo e polo IES de Cotobade.

“Novas terapias que están revolucionando o tratamento contra o cancro”, a cargo de María Dolores Mayán Santo, xefa do grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña, terá lugar ás 12:00 horas no IES Ponte Caldelas. Na súa charla, a científica afondará en como a investigación revolucionou o tratamento contra o cancro con novas terapias coma a inmunoterapia e as dirixidas a dianas que están presentes en células tumorais. Tamén detallará as estratexias innovadoras que o grupo de investigación CellCOM está a desenvolver para mellorar a eficacia destas novas terapias e evitar o desenvolvemento de resistencias. Neste sentido, a doutora Mayán explicará como traballan cunhas proteínas que forman canles que modulan a comunicación celular no microambiente tumoral.

Pola súa banda, no IES Plurilingüe Aquis Celenis de Caldas de Reis, ás 17:00 horas, Rosa María Crujeiras Casais, directora científica do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia da Universidade de Santiago de Compostela, impartirá a charla “O que esconden os datos”. Nela, a través de exemplos prácticos de distintos ámbitos, coma a ecoloxía, a meteoroloxía ou a lingüística, achegaralle ao alumnado a estatística como ciencia que ordena e analiza os datos, para inferir resultados e obter predicións. Explicará como nunha sociedade na que todo se mide e se cuantifica é preciso dispoñer de ferramentas que permitan analizar de maneira adecuada os datos recollidos para entender os fenómenos que nos rodean e poder tomar decisións acertadas.

O ciclo Aida Fernández Ríos, que promoven conxuntamente a Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias, xurdiu como homenaxe a esta investigadora, bióloga, oceanógrafa e académica que faleceu en 2015. A súa principal finalidade é difundir a ciencia e a tecnoloxía e espertar o interese do público por temas de actualidade científica con repercusións directas na sociedade, ao tempo que contribúe á educación e á formación en igualdade, e visibiliza grandes referentes femininas do ámbito STEAM. Ao longo deste ano o programa incluíu conferencias web abertas ao público e outras, coma estas dúas que pechan o programa, destinadas especificamente ao alumnado de centros educativos.