A Deputación lanza “Pontevedra e América. Unha mirada en feminino”, unha mostra para poñer en valor a historia das mulleres da emigración

A deputada de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, inaugurou, nos xardíns do Pazo provincial, esta exposición itinerante que promoven a institución provincial e a Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela, que percorrerá, ademais de Pontevedra e Vigo, outros concellos da provincia

21/11/2023

Sandra Bastos na mostra Pontevedra e América. Unha mirada en feminino

Pontevedra e  América. Unha mirada en feminino”, a mostra itinerante da Deputación de Pontevedra e da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para poñer en valor a historia de trece mulleres cuxo nexo de unión é a emigración e a relación entre Pontevedra e o outro lado do Atlántico, acaba de ser inaugurada pola deputada de Benestar Social e Igualdade, Sandra Bastos, nos xardíns do Pazo provincial en Pontevedra. Esta iniciativa busca rescatar a experiencia e a mirada da emigración e devolverlles ás mulleres o lugar e o protagonismo que lles corresponde.

Tras a inauguración da mostra, María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, M.ª Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC, e María Xosé Porteiro, adxunta á Valedora do Pobo, impartiron unha conferencia no salón de plenos da Deputación na que lles renderon homenaxe ás trece  mulleres representadas nesta segunda edición da exposición: Bernarda Pereira, Blanca Rodríguez, Margarita Bilbatúa, Sofía Novoa, Concepción Pazo, Chita Lamas, Rosina Villaverde, Antía Cal, Reyna Pastor, Concha Nogueira, Isaura Abelairas, María Xosé Porteiro e Noemí Cendón. A deputada de Igualdade fixo fincapé en que este proxecto busca percorrer a provincia “levando a voz destas trece mulleres a aqueles lugares aos que elas non conseguiron chegar”.

“Falamos de emigración e falamos de mulleres. Destacamos o seu papel fundamental, tanto das que se foron coma das que quedaron aquí coidando as familias”, destacou a responsable de Igualdade da Deputación de Pontevedra, ao tempo que lembrou que todas elas “foron quen de poñer en valor moitas cousas e foron relevantes para todo: para o desenvolvemento da economía, da sociedade, da educación, da política, na defensa da lingua etc.”. En resumo, “Pontevedra e  América. Unha mirada en feminino” trae ao momento actual e pon en valor a historia de “mulleres escurecidas nos arquivos e nos relatos históricos”.

Tras o seu paso por Pontevedra, onde se poderá visitar nos xardíns do Pazo provincial ata o 21 de decembro, “Pontevedra e América” viaxará a Vigo antes de continuar o seu percorrido por outros concellos da provincia.

Galerias de imaxes