Kit Dixital, o programa de axudas económicas para PEMES e persoas autónomas preséntase en Vigo

O evento, no que se gardou un minuto de silencio pola traxedia do Villa de Pitanxo, forma parte do  roadshow de Red.es para achegar o programa de axudas impulsado polo Goberno de España para modernizar o tecido produtivo

16/02/2022

Kit Dixital

O director xeral de Red.es, Alberto Martínez Lacambra, inaugurou hoxe a xornada de presentación do programa Kit Dixital en Vigo, na sede de Zona Franca, acompañado da presidenta da Deputación, Carmela Silva, e do delegado de estado do Consorcio, David Regades. O programa de axudas está impulsado polo Goberno de España para promover a dixitalización de pequenas empresas,  microempresas e persoas autónomas a fin de contribuír á modernización do tecido produtivo español. Vigo foi a nova parada da xira de encontros informativos que Red.es iniciou en xaneiro e que durante os próximos meses vai percorrer toda España para explicar como se pode acceder a estas axudas, que vantaxes ten a dixitalización das súas empresas e que papel facilitador xogan os axentes dixitalizadores neste proceso.

O inicio do evento estivo marcado pola traxedia do pesqueiro “Villa de Pitanxo”. Gardouse un minuto de silencio na sala, onde as bandeiras presentaron crespóns negros, e os mariñeiros e as súas familias estiveron nas palabras das autoridades. A traxedia, dixo a presidenta Carmela Silva, “tennos a todas/os fondamente tristes e afectadas/os porque nós somos mar e cando perdemos a alguén do mar perdemos algo de nós”.

O encontro do Kit Dixital, con máis dun centenar de asistentes e 300 persoas conectadas on line,  foi conducido pola xornalista Lara Graña e tamén contou coa participación de Luís Prieto, director de Economía Dixital de Red.es, e da asesora TIC de Smartpeme, Fátima  Faílde.  A presidenta Carmela Silva asegurou que “Galicia ten unha oportunidade extraordinaria para a transformación dixital que non pode deixar pasar” e agradeceu ao Goberno de España e a Red.es “a súa transparencia na comunicación das liñas de axudas a través do programa que será un avance extraordinario para a imprescindible dixitalización das nosas empresas”. A presidenta lembrou que “nunca tivemos a posibilidade de ter 70.000 millóns de euros para transformar o noso país, o 30% para a transformación dixital que é o presente e fundamental para garantir o noso posicionamento no ámbito da economía”. Tamén amosou malestar porque “non esteamos todas as administracións -goberno do Estado, comunidades autónomas e administración local- remando na mesma dirección para que eses 70.000 millóns se convertan en oportunidades para a nosa sociedade”. Neste senso, subliñou que “eses recursos non son para maior gloria de ningún dirixente político, son para que a nosa xente teña oportunidades de vida”. “Non é de recibo, apuntou, que en lugar de traballar creando sinerxias se fagan declaracións falsas intentando cuestionar como se xestionan os fondos Next Generation cando o goberno do Estado é felicitado polas institucións europeas”.  Engadiu que “as críticas que fai a Xunta en nada benefician a nosa comunidade. Quizás, dixo, ocultan a incapacidade para xestionar os fondos por parte da administración galega”. A presidenta rematou dicindo que “hai sete anos a Deputación foi consciente de que había unha enorme demanda das PEMES por coñecer as TICS, para mellorar, ser máis competitivas/os, internacionalizarse...” e por iso lanzou o programa SmartPeme, que “foi un enorme éxito”. O traballo de Red.es tamén foi gabado por “baixarse ao terreo para contar, informar e tamén escoitar. Esta é a política que precisamos”. 

O director xeral de Red.es, Alberto Martínez  Lacambra, incidiu en que trala crise da Covid, “que amosou a resiliencia” das empresas galegas, “a dixitalización veu para quedarse e non podemos deixar a ninguén atrás”. “Esta vez –apuntou- Europa reaccionou cun Plan Marshall do século XXI, no que España ten asignados 140.000 millóns, o 12% do PIB español, unha mostra de solidariedade territorial espectacular. Desa cifra 70.000 millóns xa están en marcha e o 30% corresponde á dixitalización, 20.000 millóns”. Explicou a este respecto que o Kit Dixital, “o programa de colaboración público-privada máis importante que vai haber en España e Europa”, está dirixido a empresas de menos de 50 persoas empregadas, ás que se lle facilitará toda a tramitación para que poidan acollerse a esta axuda. Neste senso, reclamou tamén ás administracións territoriais e aos concellos a súa implicación para conseguir “a capilaridade deste programa e que empurredes para ir a buscar ás pemes e que estas pidan a achega; é imprescindible a colaboración de todos e todas”.  “Este programa –engadiu- é unha oportunidade única e irrepetible que permite ás pemes tomar unha posición no mercado. Neste momento temos 5.000 solicitudes en España e 300 en Galicia. É unha responsabilidade xeracional; necesitamos que eses fondos cheguen e que as pemes pidan os recursos, que se dixitalicen e melloren a súa produtividade. Só hai unha opción, remar entre todos e todas”.

Pola súa banda, o delegado do Consorcio Zona Franca, David Regades, agradeceu a Red.es esta iniciativa na que Zona Franca vai actuar “como panca de cambio” e subliñou que con Kit Dixital “nace unha nova oportunidade, que xa é de presente” para acadar unha transformación “non como ata agora que as axudas se quedaban en espazos virtuais e nas compras en liña”. “Queremos dixitalizar as empresas –destacou- e promover esa vantaxe para que sexan máis externalizadas e competitivas”. Apuntou que esta iniciativa vai supoñer “a modernización das empresas e da economía, e xerarase máis emprego de calidade que permitirá ás empresas internacionalizarse máis e estar presentes en mercados exteriores”.

O programa Kit Dixital

Dotado cun orzamento de 3.067 millóns de euros, o Programa está financiado polo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia de España  Next  Generation  EU no marco da axenda España Dixital 2025 e o Plan de Dixitalización de Pemes 2021-2025, e ten como obxectivo dixitalizar a preto dun millón de pemes e autónomos en todo o territorio nacional de todos os sectores produtivos durante o próximos tres anos.

As bases que regulan a concesión das axudas do programa Kit Dixital establecen o marco para o lanzamento das convocatorias que especifica que as empresas poderán acceder a axudas de 12.000 euros, no caso de ter entre 10 e 49 persoas empregadas; 6.000 euros para aquelas de entre 9 e 3 empregadas; e 2.000 euros, para as de menos de 3 empregadas. A primeira convocatoria, cun investimento de 500 millóns de euros, está dirixida a pemes de entre 10 e 49 traballadores. Tamén sinala as condicións que deben de cumprir as empresas para solicitar estas axudas. En particular, ademais de cumprir coa normativa da Lei Xeral de Subvencións, as empresas e persoas autónomas deberán dispoñer da avaliación de Madurez Dixital, conforme ao test de diagnóstico que pon a disposición a plataforma Acelera peme (www.acelerapyme.es).

Cabe destacar a colaboración estreita para a xestión do programa coa Cámara de España, o Consello Xeral do  Notariado, o Colexio de Rexistradores de España e do Colexio de Xestores Administrativos, co fin de facilitar o acceso e facer máis sinxela a tramitación das axudas, e fomentar as medidas  antifraude. As empresas interesadas poden acceder a toda a información e recibir asesoramento na web www.acelerapyme.es, no teléfono 900 909 001, ou  presencialmente nas oficinas Acelera peme distribuídas por toda a xeografía española.

A figura do ‘axente  dixitalizador’

As solucións de dixitalización para pequenas empresas, micropemes e persoas autónomas serán ofrecidas por ‘axentes  dixitalizadores adheridos’ ao programa Kit Dixital. As entidades interesadas en ser identificadas como ‘axente dixitalizador’ poden adherirse xa na sede electrónica de Red.es, para formar parte así do ‘catálogo de  dixitalizadores’ que se poderá consultar na web oficial www.acelerapyme.es. Serán ademais as habilitadas para subscribir ‘acordos de prestación de solucións de dixitalización’ coas empresas beneficiarias das axudas do programa Kit Dixital e titulares do bono dixital. Desta maneira, poderán acompañalas nos seus procesos de transformación dixital e prestar as solucións que lles permitan avanzar no seu nivel de madurez dixital, en áreas crave de dixitalización empresarial.

Algunhas destas áreas son: a presenza na internet, coa creación ou mantemento de páxina web ou a xestión de redes sociais; o comercio electrónico; a xestión de clientes; a oficina virtual; a intelixencia empresarial e analítica; a automatización de procesos como a contabilidade, facturación ou inventario; a factura electrónica; as comunicacións seguras; e a ciberseguridade.

Co obxectivo de facilitar ás pemes e persoas autónomas o acceso ás axudas, os axentes  dixitalizadores adheridos poderán colaborar nas tarefas de solicitude e serán eles e elas quen presenten toda a documentación xustificativa. Ademais, os axentes serán os que reciban o pago do bono dixital cedido pola persoa beneficiaria, unha vez aceptouse a súa xustificación.

Máis información: kitdigital@red.es

 

Galerias de imaxes

videos