A Deputación recibe en Vigo á delegación institucional Arxentina en Conxemar e valora o compromiso político coa sustentabilidade da industria pesqueira

Carmela Silva destaca, diante do cónsul e das/os dirixentes das catro principais provincias da Patagonia, o paso adiante das mulleres na loita pola Igualdade en toda Sudamérica

05/10/2022

 RECEPCIoN DELEGACIoN ARXENTINA EN CONXEMAR

A sede da Deputación en Vigo acolleu un encontro institucional entre a presidenta, Carmela Silva, e a delegación institucional arxentina na Feira Conxemar, formada por unha decena de representantes dos gobernos provinciais das catro grandes provincias da rexión da Patagonia e do consulado da República Arxentina en Vigo. No acto participaron,  ademais do cónsul, Horacio Martín Doval, o gobernador de Chubut, Mariano Arcioni; as ministras de Produción de Santa Cruz, Silvina del Valle, e de Terra do Fogo, Sonia Castiglione, e o ministro de Produción de Río Negro, Carlos Banacloy, ademais doutros/as integrantes dos seus gabinetes.

Carmela Silva afirmou sentirse “inmensamente orgullosa” de poder intercambiar experiencias cos responsables políticos das catro provincias arxentinas que representan a práctica totalidade do potencial pesqueiro “dun país no que todo se mide a gran escala”. Ademais, amosouse moi satisfeita de que na delegación haxa dúas ministras, feito que enlazou co paso adiante que as mulleres están a dar en toda Sudamérica “atrevéndose a coller a bandeira do cambio e converténdose en líderes”. Despois de escoitar as intervencións da delegación arxentina en Conxemar, a presidenta eloxiou o compromiso político unánime da Patagonia pola sustentabilidade na pesca e en toda a actividade produtiva. “O Planeta xa nos ten dado moitos avisos e o último paralizouno todo”, advertiu. Un feito que, ademais, relacionou co reto de garantir a suficiencia alimentaria, para o que a pesca é clave, especialmente nun contexto internacional marcado pola guerra en Europa.

A presidenta, que fixo unha explicación da orixe histórica e funcións das deputacións, destacou que co seu nomeamento converteuse na primeira muller en acceder a este cargo en toda Galicia, “porque dende 1812 aínda ningunha muller tiña ostentado esta responsabilidade”.  “A Igualdade”, continuou, “é un enorme compromiso na Deputación de Pontevedra que, de feito, converteuse xa na referencia institucional en Galicia en políticas públicas de Igualdade”. Na súa intervención referiuse tamén á centralidade da Deputación na implantación dun novo modelo de mobilidade integral en toda a provincia, na programación cultural e o impulso á economía e á innovación empresarial con programas tan pioneiros como “SmartPeme” ou “Acelera Peme”. Aludiu, finalmente, ao potencial turístico dunha provincia que definiu como “o motor turístico de Galicia, como acreditan os datos”. A presidenta provincial detívose tamén no fito que supuxo a apertura dunha sede propia da Deputación en Vigo. A este respecto lembrou que a cidade olívica non só é a capital da pesca en España, senón tamén unha urbe de gran peso e tradición económica e industrial. Carmela Silva reivindicou, ademais, o papel do Consulado de Arxentina en Vigo “porque Arxentina forma parte das nosas vidas; de aquí saíron para América moitos galegos e galegas en momentos moi complicados da nosa historia e foron moi ben recibidos”.

Horacio Martín Doval significou a forte presencia das empresas exportadoras arxentinas en Conxemar e tamén a asistencia das autoridades da Patagonia, que viron na feira unha vía para mellorar as relacións comerciais. Aproveitou a ocasión para agradecer á Deputación de Pontevedra non só este encontro institucional, senón toda a colaboración para a programación cultural do Consulado, entre a que destacou a iniciativa “Cinema Mulleres”, que visibiliza a cineastas galegas e arxentinas.

Os/as representantes de Santa Cruz, Río Negro e Terra de Fogo explicaron que en cada unha das grandes provincias patagónicas a pesca é un dos principais sectores, xunto coa produción petrolífera e a agrogandería. Mariano Arcioni confesou que Conxemar superou as súas expectativas: “Sempre nos falaban desta feira, pero non nos fixeramos unha idea real do que é ata que a  vimos. A verdade é que asombra polas dimensións, pero tamén polo coidado na sustentabilidade, porque sabemos que queda un longo camiño por percorrer”. Sonia Castiglioni falou do “formateo de tódolos sectores produtivos coa mirada da sustentabilidade” e compartiu tamén o “asombro polo nivel de actividade dentro do stand de Arxentina en Conxemar. Xa participei en varias feiras e nunca vin tanto movemento e tantas xuntanzas con empresas”. Pola súa banda, Silvina del Valle felicitou á Deputación por un enfoque feminista que comparte, e que quixo enlazar coa presencia cada vez maior de mulleres no Goberno provincial de Santa Cruz, onde o 65% do funcionariado xa son mulleres. Finalmente, o ministro de Río Negro, Carlos Banacloy, falou da importancia de xerar valor engadido no territorio e de aproveitar os retos e oportunidades que xera o cambio climático a unha rexión como a Patagonia.

videos