A Deputación eleva ata os 250.000€ os recursos para actividades culturais de máis de 200 asociacións da provincia

O goberno aprobou tamén as bases para a concesión de axudas a escolas de música cun orzamento de 90.000 euros

09/07/2022

Co obxectivo de que asociacións e entidades da provincia poidan desenvolver iniciativas tendentes a mellorar a calidade das manifestacións culturais, en especial as dirixidas á reivindicación do patrimonio material e inmaterial, o goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de subvencións para actividades que este ano aumentan ata os 250.000 euros, dos que se beneficiarán 210 entidades de 46 concellos.

É unha subida substancial con respecto as beneficiarias do pasado ano (cando recibiron as axudas 144 entidades de 42 concellos), unha proba clara, segundo a presidenta da Deputación, Carmela Silva, de que “trala pandemia estamos a recuperar a actividade cultural e incluso a aumentala. Con estes recursos, as entidades e asociacións de todo o territorio poderán desenvolver actividades como festivais folclóricos, festas, semanas culturais, foliadas, mostras de música, etc., con cofinanciación da Deputación.

Na comarca de Vigo, 74 entidades de Baiona, Gondomar, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela, Salceda e Vigo recibirán 92.590 € para festivais internacionais e folclóricos, intercambios culturais, festas veciñais, xornadas e semanas culturais, foliadas, accións artísticas, xornadas de temáticas diversas, feiras da muller rural, mostras de música, concursos de maquetas, festivais culturais e musicais, entroido, ciclos culturais, tribunas de enxeñería e arquitectura, encontros de pandeiretas ou celebracións das Letras Galegas.

No Morrazo son 20 entidades de Cangas, Bueu e Moaña as que se benefician de 17.997 euros para festivais musicais, folclóricos ou audiovisuais, conferencias, espazos de arte, danzas, certames artísticos, concertos, xornadas sobre patrimonio, musicais, mostras e exposicións, xuntanzas de embarcacións tradicionais ou feiras tradicionais de arte.

34.500 euros servirán para que 32 entidades dos concellos de Cambados, Cuntis, O Grove, Illa de Arousa, Meaño, Moraña, Portas, Sanxenxo, Valga, Vilagarcía e Vilanova de Arousa, das comarcas de Caldas e do Salnés, poidan levar a cabo ciclos de música, festivais de mulleres rurais, intercambios culturais e folclóricos, malabares, exposicións, festas das letras, magostos, festivais de bandas, romarías cabalares, encontros veciñais, xornadas culturais e de historia, certames de música ou de pintura, visitas culturais, recreacións e representacións históricas, concursos de poesía, celebración do orgullo LGTBI, cineclubes, mostras culturais ou a recuperación de costumes e lendas

No caso da comarca de Pontevedra, 21 entidades da Lama, Marín, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas e Vilaboa terán subvencións por valor de 28.641 euros para actividades de animación lúdico-cultural, certames musicais, festivais de acordeóns ou de bandas, intercambios multiculturais, romarías cabalares, celebracións de Samaín, xornadas en homenaxe a mulleres e homes do mar, participación en certames internacionais, mostras tradicionais, foliadas, proxectos músico teatrais, roteiros, Edugal, exposicións, concertos, semanas dos museos, actividades musicais, feiras de artesanía ou encontros de entroido.

En Deza e Terra de Montes, 29 entidades de Agolada, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Lalín, Silleda e Vila de Cruces contarán con 34.098 euros para celebracións do Día da Música, mostras, concertos, festivais de bandas, de acordeóns, de música tradicional, de música de cámara ou internacionais, animación cultural, certames de música, romarías cabalares, intercambios musicais e culturais, recreacións históricas, recuperación patrimonial, xornadas etnográficas e antropolóxicas, celebracións do Día Mundial do Acordeón, encontros culturais e tradicionais ou xornadas musicais.

No Baixo Miño, grazas as subvencións por valor de 20.465 euros, 17 entidades da Guarda, Oia, O Rosal, Tomiño e Tui  poderán organizar exposicións filatélicas, semanas culturais, festivais de música, encontros de corais, concursos de xoves intérpretes ou de pintura, encontros culturais, festivais de cultura, calendario festivo de Nadal, intercambios culturais ou festivais de bandas.

Por último, en Condado-Paradanta as axudas chegarán a 17 entidades de Arbo, Covelo, Mondariz, As Neves, Salvaterra e Ponteareas que levarán a cabo festivais de rock, folk ou diferentes estilos musicais, aniversarios de agrupacións culturais, xornadas micolóxicas, exposicións teatralizadas, xornadas culturais, intercambios culturais, roteiros, andainas, foliadas, festas da sementeira, mostras de teatro ou festivais de bandas.

Escolas de música

Ademais, a Deputación vén de aprobar as bases para a concesión das axudas para escolas de música da provincia que dependen de asociacións sen ánimo de lucro para o ano 2022. A finalidade é a de subvencionar os gastos correntes e de persoal destes centros educativos musicais para que poidan desenvolver as súas actividades docentes.

Carmela Silva destacou a importancia de dar financiamento a estas escolas, que permiten que xente de todas as idades “poida ter formación musical, algo que fai construír sociedades moito máis avanzadas”, ao tempo que sinalou como “incomprensible e insólito” que estas subvencións non as desenvolva a Xunta de Galicia. En concreto, na provincia, a Deputación concedeu o pasado ano 24 achegas a escolas de 16 concellos (Agolada, Barro, Cangas, Lalín, Mos, As Neves, Ponteareas, Pontevedra, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda, Vigo, Vilaboa e Vilanova de Arousa).

En total, a convocatoria conta cun orzamento de 90.000 euros, 10.000 máis que en anteriores anos, destinado a escolas de música dependentes de asociación e fundacións radicadas na provincia e que teñan entre os seus obxectivos a formación musical., das que saíron “moitas mulleres e homes músicos de gran relevancia”. As axudas, que poden solicitarse ata o vindeiro 30 de setembro, concederanse por concorrencia competitiva baixo criterios de reparto que inclúen o número de alumnos e alumnas matriculadas no pasado curso 2021-2022, o número de docentes do centro, o orzamento de gastos da escola e as especialidades impartidas.