Rematadas as obras da 1ª fase da estrada Tabagón-Goián coa súa transformación radical ao seu paso polo Rosal

A actuación reducirá as emisións case nun 10% e conseguiu un importante financiamento do IDAE co que Deputación e Concello aforraron preto de 500.000 euros

30/11/2022

O Rosal

A Deputación de Pontevedra remata a primeira fase das obras que transforman por completo, desde un punto de vista sostible, a mobilidade entre Tabagón e Goián no transcurso da EP-3303 polo concello do Rosal. A actuación foi visitada hoxe polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, acompañado da alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández. A institución provincial actuou nesta fase nun treito de 1,7 quilómetros da vía, dun total de 4,5, cun investimento superior aos 650.000 euros dos que a Deputación achegou o 80% e o concello o 20%, e que conseguiu un importante financiamento de 472.623 € (o 73% do custe total) procedente do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020. O resto do financiamento foi asumido pola Deputación e o Concello co reparto porcentual orixinal.

Esta importante obra, que foi acometida baixo a filosofía da recuperación de espazos públicos para as persoas e a redución de Co2, traduciuse na reconversión integral da estrada para contribuír a fomentar a vida no rural ao mellorar as súas posibilidades de comunicación dun xeito seguro. Isto conseguiuse propiciando alternativas ao vehículo privado, como a mobilidade peonil e a bicicleta –que se viñan realizando sen condicións plenas de seguridade– e que agora contan cun carril propio. Ademais da veciñanza da zona que emprega esta vía para conectar con Tomiño, cumpría ter en conta tamén a elevada presenza de persoas peregrinas que conectan co Camiño Portugués da Costa.

Ademais deste novo carril peonil e ciclista, completouse a plataforma de circulación cunha beiravía, acondicionáronse dous carrís de 2,80 metros para a circulación de vehículos, instaláronse redutores de velocidade, renovouse a rede de drenaxe e canalizouse de xeito soterrado a rede de alumeado público para a súa futura renovación. Na zona do CRA María Zambrano, ademais, dispúxose de plataforma única con prioridade peonil e limitación de velocidade a 20 quilómetros/hora. Os obxectivos destas actuacións son a redución de emisións de carbono, o fomento do transporte público, ciclista e peonil, o fomento de hábitos saudables, a minoración da velocidade, a redución de ruídos e a potenciación do turismo saudable. Os resultados son un descenso do 9,2% no uso de enerxía e do 9,6% en canto ás emisións.

En marcha o proxecto da segunda fase

A Deputación e o Concello do Rosal xa aprobaron o convenio para seguir actuando na EP-3303 Tabagón-Goián de acordo co modelo de mobilidade amable, segura e sostible da institución provincial. A segunda parte da fase, que afondará na transformación radical da vía noutro treito de arredor de 1,8 quilómetros, suporá un investimento de máis de 795.000 € que tamén se financiará nun 80% pola Deputación e nun 20% polo Concello (que irán con cargo ao Plan Concellos).

Actuarase no tramo da Igrexa de San Bartolomeu de Eiras, que terá unha zona de convivencia sobreelevada con prioridade peonil (entre os puntos quilométricos 2+200 e o 2+300), mentres que no resto se deseñarán dúas sendas peonís (do punto 1+795 ao 2+200 e do 2+300 ao 3+600). Tamén se renovarán as capas de rodaxe e de pavimento de formigón con bandas de pedra na zona de convivencia con redutores de velocidade e pasos sobreelevados. Ademais de mellorar a mobilidade peonil, na segunda fase das obras da EP-3303 executarase a rede soterrada de recollida de augas pluviais, con cunetas transitables, e a de alumeado, con arquetas para a futura colocación de farois.

Para a realización desta actuación, A Deputación de Pontevedra acolleuse ao Real Decreto 616/2017, de 16 de xuño (BOE nº 144 de  data  17 de xuño de 2017),  polo que se regula a concesión directa de subvencións a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono no marco do Programa Operativo FEDER de crecemento sostible 2014-2020, modificado polo Real Decreto 1516/2018, de 28 de decembro (B.O.E. nº 314, de 29 de decembro de 2018), e Real Decreto 316/2019, de 26 de abril (B.O.E. nº 130, de 30 de abril de 2019)  e Real Decreto 1185/2020, de 29 de decembro (B.O.E. nº 340, de 30 de decembro de 2020).

Logos

 

Galerias de imaxes

Mostrando o intervalo 1 - 3 de 25 resultados.