Salceda reestrea as súas piscinas municipais, transformadas ao abeiro do Plan Concellos

Carmela Silva: “É unha obra espectacular, unha gran piscina cunha imaxe máis acaída a estes tempos e da que a veciñanza pode sentirse orgullosa, porque é unha construción moderna, fermosa e adecuada aos valores do século XXI”

23/06/2022

Piscina de Salceda de Caselas

Despois de dous anos pechadas a causa da pandemia e trala primeira fase dunha ambiciosa reforma que vai permitir da man da Deputación a súa completa transformación, as piscinas municipais de Salceda de Caselas volverán abrir ao público este venres de San Xoán. A veciñanza poderá desfrutar dunhas instalacións renovadas coa reparación dos vasos e a recuperación da zona de praia do recinto, nas que se investiu un orzamento de preto de 141.000 euros financiado co Plan Concellos da Deputación, e que hoxe visitaron a presidenta provincial, Carmela Silva, xunto á alcaldesa Verónica Tourón e representantes da corporación municipal. A presidenta destacou a obra realizada neste equipamento, que se completará a partir do inverno cunha nova fase, tamén cunha achega do Plan Concellos aprobada hoxe mesmo por 135.178 euros, para a remodelación dos vestiarios e a mellora da accesibilidade no recinto.

As dúas piscinas, unha de adultos e unha infantil, foran construídas no ano 1986 e presentaban problemas de perda de auga e de seguridade e accesibilidade, solucionadas coa actuación levada a cabo. Carmela Silva cualificou de “espectacular” a nova instalación, “cuns materiais e acabados extraordinarios, que permite contar cunha gran piscina e dotala dunha imaxe estética máis acaída a estes tempos, da que a veciñanza pode sentirse orgullosa porque é unha construción moderna e fermosa”. A presidenta felicitou ao Concello por promover estas obras de renovación que permiten adecuar este equipamento ás esixencias e valores das administracións públicas e a sociedade no século XXI en canto a instalacións, cuestións de aforro de auga e mobilidade e accesibilidade. “Cambiaron moito os valores e somos unha sociedade mellor”, destacou.

Subliñou que as piscinas precisaban despois de case 40 anos esta remodelación para frear o deterioro do paso do tempo e garantir o seu uso “con absoluta seguridade” por todas as persoas, especialmente por aquelas con diversidade funcional, “porque hai 40 anos ninguén pensaba no conxunto da sociedade”. Louvou tamén a inclusión de cambiadores nos vestiarios femininos e masculinos, “porque cando facemos unha renovación así temos que pensar que hoxe non son só as mulleres as que traen ás crianzas á piscina, hoxe os pais teñen que ser corresponsables e pensar iso é unha decisión que se corresponde coas demandas do século XXI e a sociedade que queremos construír. É ir máis alá dos ladrillos e dos cambios, é pensar nunha sociedade igualitaria”. Carmela Silva destacou así mesmo a programación por fases desta obra, “de xeito que para o verán que vén xa estarán rematados os vestiarios”, así como o feito de que estes poderán usarse para competicións durante o inverno. “Celebro que o Plan Concellos sirva para que poidamos construíndo unha provincia con dereitos e servizos para todas as persoas, vivan onde vivan, seguiremos aprobando partidas extraordinarias para proxectos extraordinarios, porque todos os concellos teñen proxectos que precisan de financiación”, concluíu.

Pola súa banda, a alcaldesa Verónica Tourón, deu as gracias a todas as persoas que están a facer posible a rehabilitación desta instalación e de xeito especial á Deputación, por “representarnos a todos os concellos da provincia, facer que sexamos capaces de levar a cabo proxectos coma este e poñer así servizos a disposición da cidadanía”. Na súa intervención fixo un repaso das obras da piscina e “de todo o que a rodea, que non podía quedar mellor tanto a nivel funcional como estético” e todo iso nun “entorno espectacular e cada vez máis humano” como é o Parque da Gándara. A alcaldesa de Salceda fixo fincapé en que as obras serven para adaptar as piscinas “aos novos tempos e situacións e, sobre todo, fan que sexa un espazo que poida acoller a todas e a todos”. Animou a que “a infancia, a mocidade e a veciñanza en xeral desfrute despois de dous anos” dunhas instalacións que “o próximo verán terán as dúas zonas totalmente rehabilitadas”.

As obras

As obras desta primeira fase centráronse nos vasos e, deste xeito, a piscina de adultos reduciu a profundidade, que agora vai desde os 1,40 na zona menos profunda aos 2,15 metros. Amais, construíuse un escalón corrido nun lateral a 1,20 metros para que as persoas que non saiban nadar ou queiran descansar poidan apoiarse e dotouse á instalación dunha cadeira elevadora para o acceso á lámina de auga das persoas con mobilidade reducida. No caso da piscina infantil, reduciuse a profundidade de 70 a 45 cm. Ambos vasos quedaron forrados con recubrimento cerámico especial e instaláronse novos rebosadoiros. Amais, instalouse un novo acceso ao recinto para persoas con mobilidade reducida, substituíuse o solo de pavimento de gres ao redor das piscinas por un antiesvarante e colocáronse novas varandas pasamáns nas piscinas. Tamén se substituíu o valado exterior.

A segunda fase, que se executará despois do verán, centrarase na reforma dos vestiarios, cuxo actual edificio está obsoleto e precisa mellorar a súa accesibilidade. Deste xeito, construirase unha nova cuberta lixeira para aumentar a altura actual, que cubrirá tamén o corredor exterior, onde se colocarán as taquillas. Amais, crearase un novo vestiario adaptado e acondicionaranse e os espazos dos actuais vestiarios femininos e masculinos, coa substitución completa das instalacións de saneamento, electricidade e iluminación.

Instalarase unha nova caldeira de auga quente con apoio solar, un almacén para acoller os útiles e materiais da piscina e un cuarto de instalacións para auga quente sanitaria. Nunha última fase acometerase a renovación do sistema de depuración, cun coste de 54.000 euros.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.