Contratada a limpeza e retirada de entullos dos edificios de Santa Clara para realizar o seu estudo histórico arqueolóxico

Os traballos comezarán a finais de mes e prolongaranse tres semanas

01/04/2022

Mosquera

O Museo de Pontevedra vén de contratar a limpeza e retirada do rebo dos edificios de Santa Clara para poder levar adiante o estudo histórico arqueolóxico que definirá se é viable integrar o convento como parte do conxunto museístico provincial. Os traballos comezarán a finais de mes, prolongaranse unhas tres semanas e estarán supervisados por persoal técnico especialista que decidirá que elementos se desbotan de maneira inmediata e cales se conservan para estudar máis fondamente o seu valor.

O vicepresidente Mosquera deu a coñecer hoxe despois da Xunta de Goberno que estes traballos foron contratados en virtude do protocolo asinado entre a Deputación e o Concello para ver as posibilidades que ofrece o conxunto das clarisas cunha maior claridade. Destacou que se trata dun paso “imprescindible” posto que boa parte das construcións están cheas de entullos e refugallos “que non vale para nada” e que ademais impiden unha análise correcta do seu estado. “Hai sitios polos que non se anda”, subliñou.

“Haberá que ver cousa por cousa, se a hai que tirar ou deixar e estudar o seu valor”, apuntou o nacionalista, que lembrou que a Escola de Restauración e Conservación amosouse interesada en recuperar algúns dos mobles e outros bens que as monxas deixaron atrás e que, aínda non tendo especial valía, forman parte da historia do edificio e das persoas que nel viviron. Tamén subliñou que todo o traballo se realizará baixo a vixilancia de persoal especializado (historiadoras e arqueólogas, entre outras) que estará a pé de obra.

Os traballos de retirada do rebo e limpeza, que teñen un orzamento de adxudicación de preto de 32.000 euros, comezarán o 25 de abril e teñen un prazo de execución de tres semanas, polo que a mediados de maio poderían estar finalizados.

Unha vez este labor estea feito poderase iniciar o estudo arqueolóxico e histórico sobre as instalacións de Santa Clara, que se prevé o maior e máis completo da súa natureza que se leva feito en Pontevedra ata o momento. Segundo confirmou Mosquera, será adxudicado nas vindeiras semanas, polo que podería comezar tan pronto teña o ‘campo’ despexado nos edificios.

O estudo histórico arqueolóxico de Santa Clara analizará 15.417 metros cadrados de superficie grazas a un amplo equipo de traballo multidisciplinar que estará formado por 20 persoas, entre as que haberá arqueólogas, restauradoras, antropólogas, historiadoras, documentalistas e outro persoal técnico.

Ten un orzamento inicial de 286.072,19 euros e un prazo de execución de seis meses, mais a empresa adxudicataria terá que ir dando conta dos traballos de campo e documentais en entregas parciais para que, de maneira paralela, o Museo poida avanzar no deseño dun plan funcional para o futuro edificio provincial.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.