Luis López anuncia investimentos para mellorar as instalacións de Areeiro por valor de 130.000 €

O presidente da Deputación, acompañado do deputado de Medio Rural, Jorge Cubela, realizou a súa primeira visita oficial á Estación Fitopatolóxica de Areeiro como “mostra do compromiso que temos con esta finca e co traballo que aquí se realiza”

31/08/2023

Visita oficial á Estación Fitopatolóxica de Areeiro

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, acompañado do deputado provincial de Medio Rural, Jorge Cubela, realizou a súa primeira visita oficial á Estación Fitopatolóxica Areeiro como “mostra do compromiso que temos con esta ‘finca’ e co traballo que aquí se realiza”. Durante o percorrido ás instalacións do centro dependente da institución provincial, López anunciou unha inxección económica de preto de 130.000 euros para reformar e rehabilitar o laboratorio fitopatolóxico e a casona.  

Cos recursos que o presidente provincial acaba de anunciar para Areeiro vanse arranxar “complicacións existentes nos edificios, pendentes desde hai moitos anos”. López explicou que  90.000 € irán destinados reformar e rehabilitar o acceso ao primeiro andar do edificio do laboratorio fitopatolóxico e outros 40.000 € a substituír elementos estruturais da casona, para así emendar os danos producidos polas filtracións de auga nas fachadas este e sur do seu primeiro andar. O presidente tamén recordou que, desde que Jorge Cubela asumiu a responsabilidade de xestionar Areeiro, leva “tres semanas traballando intensamente para impulsar con carácter urxente estas actuacións”, que se estima que sairán a licitación “no prazo máis breve posible para poder chegar cara ao fin do inverno coas obras xa executadas”.

Na súa primeira visita a Areeiro, López e Cubela percorreron os seus laboratorios e departamentos e coñeceron tanto o seu persoal coma os servizos que o centro lles presta aos concellos, ás empresas e á cidadanía da provincia de Pontevedra. “Queremos coñecer as cousas de primeira man, analizar as necesidades que existen e que o persoal poida formularnos as súas propostas”, remarcou o presidente.

A visita de Luis López e Jorge Cubela a Areeiro rematou cunha degustación de té verde de camelia elaborado en Areeiro. O centro da Deputación tamén se dedica aos usos produtivos desta planta –té e aceite–, cunha área de cultivo que suma 500 m2 e 300 plantas. Ademais, este ano os seus xardíns acadaron a distinción de excelencia internacional en camelia (os segundos da Deputación xunto co castelo de Soutomaior, os quintos da provincia e os sextos de España) e está a impulsar o Plan estratéxico do té para promover un modelo de produción sostible deste cultivo, entre cuxas accións se atopa o rexistro da marca TéAreeiro.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, creada en 1981 tras a adquisición da Granxa Areeiro por parte da Deputación en 1963, é un centro de investigación pioneiro en Galicia, dedicado, principalmente, a asesorar as e os agricultores da provincia no relativo á sanidade dos seus cultivos. O seu persoal proporciona información con solucións aos problemas fitosanitarios que, de non seren controlados, poden levar á diminución ou desaparición dos cultivos, e analiza solos para poder asesorar sobre as correccións e fertilizantes adecuados para os cultivos. Entre as súas iniciativas figuran os limiares de tratamentos, as notificacións de primeiras deteccións de pragas, a análise de mostras, a elaboración de avisos fitosanitarios, un programa de doazón de especies vexetais para xardíns de acceso público, cursos formativos, proxectos de investigación ou un programa de visitas guiadas aberto a toda a cidadanía.

Galerias de imaxes

videos