Moraña transforma dúas rúas do núcleo urbano co financiamento da Deputación

Carmela Silva: “Estas obras van lograr que haxa espazo de calidade urbana para as persoas, seguindo o modelo de mobilidade amable da Administración provincial”

19/12/2022

VISITA MORAÑA

Moraña está a transformar dous dos principais viarios do seu núcleo urbano con sendas actuacións de reordenación e de recuperación de espazo público para as persoas, que contan co financiamento da Deputación de Pontevedra. Deste xeito, está en marcha a humanización da Rúa 6 e o camiño rural de Mos, ao abeiro do Plan ReacPon, con máis do 60% executado, e está xa rematada a humanización e mellora do pavimento da Rúa 7, na que se sitúan varios equipamentos como o colexio, financiada co Plan Concellos. Os traballos foron visitados hoxe pola presidenta provincial, Carmela Silva, e o alcalde José Cela, acompañados de representantes da corporación municipal.

Carmela Silva quixo destacar que estes traballos “van lograr que haxa espazo de calidade  urbana para as persoas, seguindo o modelo de mobilidade amable da Deputación” e subliñou o esforzo que está a facer o Concello de Moraña coa elaboración de proxectos que  están a presentar e conseguir financiamento a través dos distintos planes provinciais extraordinarios, como foi o caso do Reequilibrio, que permitiu a creación do Centro Sociocultural, ou o DepoRemse, de mellora da mobilidade viaria na contorna dos centros culturais e educativos na Chan, e agora do ReacPon na Rúa 6. “Moraña recibe amais do Plan Concellos estes recursos porque ten proxectos –sinalou-. Desde a Deputación estamos encantados e encantadas de ser unha administración útil aos concellos, especialmente os de menos de 20.000 habitantes, que teñen menos recursos económicos, humanos e técnicos, e é fundamental que a institución achegue financiamento para mellorar as vilas”.  

A presidenta provincial tamén coñeceu o Belén artesanal que estes días se expón no Centro Sociocultural, obra das Mulleres Rurais O Menhir de Moraña, a quen felicitou, ao tempo que animou á cidadanía da provincia a visitalo: “É unha mostra do compromiso que teñen as mulleres co seu pobo –destacou- e nel aparecen elementos identificativos do patrimonio e de todas as parroquias. Con el se está a poñer en valor a riqueza que hai en Moraña, e supón atraer cara ao municipio”. “Os concellos máis pequenos –concluíu- non van ter ningún futuro se as mulleres non se poñen a liderar e iso está a acontecer aquí e en todos os municipios”.

Pola súa banda, o alcalde de Moraña, José Cela indicou que as actuacións visitadas hoxe tiñan como obxectivo “crear unha contorna máis amable” e “son dúas obras importantes para Moraña, que melloran a calidade de vida da veciñanza”. Neste senso, anunciou que o Concello quere seguir ampliando a zona de actuación e darlles continuidade aos traballos na Rúa 1, “e esperamos presentarnos a algún novo plan da Deputación, porque nos permitiría que quede un entorno moi cómodo para pasear e desfrutar de instalacións agradables”.

Os proxectos

As obras de humanización dun tramo da Rúa 6 e o camiño ao núcleo rural de Mos, financiadas a través do Plan ReacPon, teñen un orzamento total de 196.109€, dos que a Deputación aporta 176.498€ e o Concello 19.610 €. A actuación supón a reordenación deste espazo urbano, no que a Rúa 6 constitúe a principal vía de articulación e conexión entre a zona sur e norte do centro urbano e entre os dous polígonos industriais, así como a unión entre Santa Lucía e os núcleos de Mos e As Casiñas. Trátase dun tramo de 270 metros con moita actividade, moi transitado e, a través das obras, mellorarase o espazo urbano para convertelo nun lugar máis seguro para as persoas.  Cos traballos eliminaranse as barreiras arquitectónicas para dotar á zona de maior accesibilidade e recuperarase o espazo para o tránsito peonil con plataformas únicas que darán prioridade ás persoas e facilitarán a actividade comercial. Tamén está prevista a creación dunha senda peonil cara o núcleo rural de Mos e a instalación de novos sistemas de abastecemento de auga, saneamento de residuais e pluviais e a dotación de iluminación eficiente.

Por outra banda, no caso das obras desenvolvidas na Rúa 7, foron financiadas cunha achega de 140.693€ do Plan Concellos e consistiron na humanización deste entorno, onde se sitúan equipamentos como o colexio Santa Lucía, a gardería municipal, os pavillóns deportivos e o campo de fútbol. Xerouse unha plataforma única para mellorar a contorna dos centros escolares, renovouse o pavimento existente e elimináronse barreiras arquitectónicas para mellorar a mobilidade e accesibilidade da contorna urbana. Realizáronse amais os traballos necesarios para a reposición dos servizos afectados.    

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.