O IV Workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado” arranca poñendo o acento nos novos aparatos ideolóxicos do patriarcado

Carmela Silva: “Nesta era dixital as mulleres loitamos por empoderarnos e o machismo busca espazos para seguir atacando e discriminando. Estou seriamente preocupada pola influencia das redes e debemos crear instrumentos para facer fronte ao que alí acontece”

02/11/2022

hackeando patriarcado

Os novos aparatos ideolóxicos do patriarcado son desde hoxe protagonistas da cuarta edición do workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado” que están a impulsar a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo ao abeiro da Cátedra de Feminismos 4.0. A presidenta Carmela Silva e o reitor Manuel Reigosa, xunto á directora da área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, deron o tiro de saída a este encontro virtual e presencial para reflexionar sobre o patriarcado dixital que conta con conferenciantes da talla de Remedios Zafra, Mónica Alario, Elisa García, Elena Alfageme, MªTeresa Piñeiro e Alba Alonso. A xornada rematará mañá, 3 de novembro, con “Reescribe o código. Obradoiro de educación en ciberactivismo feminismo” que, con todas as prazas esgotadas, terá lugar entre as 17.00 e as 19.30 na Facultade de Comercio de Vigo.

A presidenta provincial Carmela Silva advertiu que “precisamos impulsar accións como estas, que aporten coñecemento sobre o que está a acontecer para poder construír propostas e tomar decisións, moi particularmente nesta era dixital onde as mulleres loitamos por empoderarnos e o machismo por buscar espazos para seguir atacando e discriminando, para seguir facendo que as mulleres non poidamos ocupar o espazo que nos corresponde”. Referiuse a presidenta ás violencias dixitais que se exercen recordando ás xornalistas feministas, que son “atacadas duramente, dunha forma organizada e mediante múltiples instrumentos dixitais”, ás mulleres do ámbito do coñecemento e ás políticas feministas, “perseguidas nas redes”. Citou como exemplo de comunidades de homes organizadas para executar este tipo de accións como Forocoches, que “está a atacar ás mulleres e crear pensamento machista, intentando chegar de forma moi particular á mocidade”. Ao respecto, amosou sentirse “seriamente preocupada pola influencia das redes” e instou a “que as administracións públicas con capacidade para decidir como a Unión Europea, os gobernos dos Estados e as Comunidades Autónomas establezan normas, instrumentos e medios para facer fronte ao que está a suceder nas redes sociais. Os gobernos deben lexislar porque estes espazos estanse a converter en lugares antidemocráticos, porque antidemocrático é todo aquilo que ataca á metade do mundo e a metade do mundo somos nós, as mulleres”.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, remarcou que “o discurso xeral pouco a pouco vaise tinguindo de morado, pero hai moitos recunchos a onde non chega, hai espazos onde aínda se escoitan mensaxes denigrantes contra as mulleres”. Engadiu que “o machismo agóchase pero está aí, escondido, é un monstro con moitas cabezas que está introducido nas redes, nos discursos do odio e hai que seguir pelexando, cada día, para conseguir construír esa desexada sociedade xusta, a sociedade feminista”.

Co lema “Novos aparatos ideolóxicos. O patriarcado de vixilancia” o IV workshop “Sociedade dixital e xénero. Hackeando o patriarcado” vai reflexionar estes días sobre as novas estratexias ideolóxicas do patriarcado para perpetuarse a través da misoxinia dixital organizada: a chamada manosfera, machoesfera ou manhood, que está a actuar como un novo “aparato ideolóxico”. Non se trata dun fenómeno illado, senón doutra expresión de violencia contra as mulleres que reforza os estereotipos de xénero: unha violencia instantánea, rápida, viral e omnipresente, artellada de forma organizada. Por iso cómpre reflexionar, estudar as súas consecuencias nocivas para a democracia, analizar como condiciona a liberdade das mulleres na ágora dixital, garantindo o estado de dereito regulado dende a democracia e non por entidades escasamente comprometidas cos dereitos humanos.

Durante a xornada Remedios Zafra, premio Anagrama de Ensaio e premio Internacional de Ensaio Jovellanos, impartiu unha conferencia sobre “Patriarcado e capitalismo dixital” e Mónica Alario, autora de “Política sexual da pronografía. Sexo, desigualdade, violencia” e doutora internacional en Estudos Interdisciplinares de Xénero, outra sobre “Pornografía online: unha nova educación”. Tralas dúas conferencias tivo lugar unha mesa redonda, moderada pola directora da área de Igualdade da UVigo, Águeda Gómez, na que a profesora de Socioloxía Elisa García afondou na “Manosfera española e a onda antifeminista: da irreverencia á relevancia política” e a historiadora e antropóloga feminista, responsable de xénero de InteRed,  Elena Alfageme centrouse na construción do pensamento crítico para abordar as estratexias fronte aos discursos negacionistas machistas no mundo dixital. Pola súa banda a doutora en Comunicación e profesora da Universidade da Coruña Mª Teresa Piñeiro centrouse nas violencias dixitais contra as mulleres xornalistas e a doutora en Filoloxía Inglesa e formadora Alba Alonso afondou no machismo en todas as plataformas.

A xornada rematará mañá, 3 de novembro, co obradoiro “Reescribe o código Obradoiro de educación en ciberactivismo feminista” entre as 17.00 e as 19.30 horas na Facultade de Comercio da Universidade de Vigo a cargo de 7H Cooperativa Cultural. O obradoiro contará con dúas partes, arrancando cunha primeira teórica que afondará nas orixes e evolución do ciberfeminismo, atendendo ao emprego da arte e da contrapublicidade como estratexias discursivas. Na segunda parte poranse en práctica as diversas posibilidades que ofrecen ferramentas de comunicación visuais, como a ilustración, o vídeo ou contidos dixitais como os adhesivos, os GIF e os memes, para crear recursos creativos propios e subverter a violencia simbólica que o patriarcado produce e reproduce a través da esfera dixital.

“Sociedad dixital e xénero. Hackeando o patriarcado” enmárcase na Cátedra de Feminismos 4.0 que impulsan a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo para promover a igualdade, a non discriminación e a accesibilidade universal das mulleres nas actuais sociedades da información. Dende a Cátedra trabállase para promover e impulsar as actividades de investigación e innovación feminista en todos os ámbitos do coñecemento, dando prioridade aos estudos relacionados coa dixitalización actual da sociedade e o ámbito das STEM, onde as mulleres están infrarrepresentadas e resulta un espazo cada vez máis relevante nas sociedades do futuro.

Galerias de imaxes

videos