O salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación acolle este martes un obradoiro de prevención de conflitos na Administración local

O obradoiro, promovido polo Consello de Contas de Galicia e a Deputación de Pontevedra, será inaugurado polo presidente da institución provincial, Luis López, e polo conselleiro maior de Contas, Juan Carlos Aladro

27/11/2023

O salón de actos do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra acolle este martes 28 de novembro un obradoiro de prevención e xestión de conflitos de interese na Administración local de Galicia. Está promovido polo Consello de Contas de Galicia e a Deputación de Pontevedra e será inaugurado, ás 9:00 horas, polo presidente da institución provincial, Luis López, e polo conselleiro maior de Contas, Juan Carlos Aladro, e contará coa colaboración principal de Concepción Campos, doutora en Dereito e codirectora da Rede Localis.

O obradoiro está dirixido tanto a representantes institucionais coma a empregadas e empregados públicos e centrarase especialmente na xestión de fondos europeos. Nel abordaranse cuestións relacionadas co conflito de interese na xestión pública local, coas figuras afíns na lexislación, coas especialidades do mundo local, coas medidas de transparencia e declaración de bens e intereses como medidas de prevención, coa xestión dos conflitos de interese como medida de prevención do fraude e a corrupción e co papel da Declaración de ausencia de conflitos de interese (DACI) como medida de continxencia do risco de fraude e corrupción. Así mesmo, afondarase nas medidas para abordar a xestión dos conflitos de interese e nos plans de medidas antifraude para a xestión dos fondos europeos e presentaranse os principais traballos efectuados en materia de prevención do fraude e fomento de marcos de integridade pública na xestión.

Para acometer todos os contidos, o obradoiro estrutúrase en dúas partes. Na primeira parte exporanse os principais aspectos regulatorios que lle afectan á xestión dos conflitos de interese nas entidades locais, cun enfoque práctico e directo e tendo en conta tanto o marco normativo estatal coma o autonómico, así como os aspectos de procedemento e xestión. Pola súa banda, na segunda parte traballarase en grupos reducidos, de 4 a 5 persoas, para identificar, delimitar e comprender a figura do conflito de interese, a xestión dos riscos asociados, as claves para a súa detección e a resolución dos eventuais conflitos que se puidesen formular.