O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 pide máis regulación para combater a pasividade das grandes corporacións ante a misoxinia en internet

Este órgano consultivo anuncia a adhesión de Lorena Fernández, enxeñeira informática e directora de comunicación dixital da Universidade de Deusto

11/02/2022

Kickboxing ABP Sport

O Comité de Sabias da Cátedra de Feminismos 4.0 DEPO-UVigo, reunido hoxe ao abeiro do Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia, sinalou que a procura do beneficio económico está detrás da pasividade e permisividade das grandes corporacións comerciais dixitais respecto da misoxinia en Internet e solicitou unha maior regulación para acoutar e eliminar as violencias machistas na Rede. Esta esixencia é unha das conclusións da reunión, na que se fixo balance das accións realizadas en 2021 pola Cátedra e se debateron propostas para este ano. No encontro tamén participaron a presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, así como a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez.

Ademais, anunciouse a incorporación de Lorena Fernández Álvarez neste órgano consultivo que ten xa 15 sabias, mulleres expertas en diferentes ámbitos profesionais. A nova integrante é enxeñeira informática e directora de comunicación dixital da Universidade de Deusto. Tamén forma parte do grupo experto da Comisión Europea Gendered Innovations para analizar o impacto de non incorporar a perspectiva de xénero na intelixencia artificial.

Para a presidenta da Deputación, Carmela Silva, “con esta iniciativa avanzamos e imos avanzar moito máis, porque cando a razón está do lado do que se quere facer non hai quen o poida parar”. E puxo en valor a reunión na que se “reflexiona, analiza e propón para intentar cambiar a realidade”. Neste senso, lembrou que malia que “case o 50% das persoas que forman os equipos científicos da UVigo son mulleres, elas non son as xefas deses equipos”. Deste xeito, as investigadoras traballan e aportan á ciencia pero teñen “ese teito de aceiro que nos impide ser as que poidamos dirixir, algo que é fundamental para que a metade de todo estea composto por mulleres”.  Tamén fixo fincapé na visibilización das sabias asegurando que “hai que chamalas polo seu nome” e amosouse agradecida coa Universidade de Vigo, e de xeito especial con Águeda Gómez, por “este traballo que vos converte nunha universidade referenciada na igualdade”.

Pola súa banda, o reitor, Manuel Reigosa, agradeceu á presidenta da Deputación o “apoio fundamental que estamos recibindo a través da Cátedra de Feminismos 4.0 que nos permite desenvolver unha serie de actividades de cara a esa igualdade tan desexada pero tan lonxe de nós aínda”. Tamén se dirixiu ás sabias recalcando que “sodes vós as que tedes que falar hoxe e sempre, porque sodes a luz que alumea o noso camiño. A nós tócanos escoitarvos, aprender de vós e levar á práctica aquilo que sexa posible para que nas nosas institucións e na sociedade en xeral teñamos esa igualdade”.

Maior regulación das plataformas dixitais

As sabias integrantes do Comité  recoñeceron que os discursos misóxinos e de violencia machista que se producen en Internet e nas redes sociais proceden dunha minoría, pero que debe ser illada. E, neste sentido, todas coincidiron en atribuír unha gran responsabilidade ás grandes corporacións empresariais que son propietarias das plataformas dixitais dominantes, aínda que tamén apuntaron que estamos ante unha responsabilidade colectiva. “A responsabilidade é de quen actúan, pero tamén de quen miran cara a outro lado”, asegurou Ana Vila-Concejo, profesora na Facultade de Ciencias, Escola de Xeociencias de Universidade de Sydney. Pola súa banda, Lorena Fernández achegou exemplos: deseñan algoritmos que censuran mamilas, xeran presión sobre os corpos da nenas e mozas, dan difusión ao odio e toleran o ciberacoso.

As sabias apostaron por que os gobernos democráticos establezan unha maior regulación, de xeito que se garanta un mínimo de seguridade e convivencia. Como indicou Encina Calvo, profesora de física na Universidade de Santiago de Compostela (USC), “son as corporacións e non as leis as que definen os límites do discurso permisible”. Ana Jesús López, doutora en ciencias físicas da Universidade da Coruña (UDC), considerou que as institucións públicas “deberían ser quen de penalizar e perseguir tanto quen fai eses discursos como as plataformas ou empresas que os permiten”. O problema é o seu carácter global, que dificulta unha resposta, a menos que sexa coordinada a través de entidades supranacionais.

O beneficio económico, un grande obstáculo

Entre as razóns que explican a resistencia das grandes corporacións dixitais para que Internet non sexa un espazo igualitario e libre de violencias machistas, as expertas foron contundentes respecto dunha: o motivo económico. Un dos maiores ingresos destas compañías procede do investimento en publicidade, que se dirixe a distintos públicos, entre eles o misóxino. “Mentres consideren que censurar a violencia lles prexudica economicamente, non o van facer”, explicou Soledad Torres, profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da (UVigo).

Segundo a matemática María Cumplido, citada por Encina Calvo, "ás redes sociais non lles importa a ética dos efectos dos algoritmos, senón maximizar os beneficios”. Segundo esta lóxica, “os algoritmos crearán caldos de cultivo selectivos que propicien calquera adhesión a calquera tipo de opinión", sempre que xere unha rendibilidade económica. Relacionado con isto está o propio funcionamento das redes e dos medios, que apuntou Marta Macho, matemática e editora da web Mujeres con Ciencia: “a polémica vende máis que os espazos tranquilos”, algo co que coincidiu Coral del Río, catedrática de economía aplicada na UVigo.

Obxectivo: expulsar as mulleres da Rede

A violencia machista dixital ten entre os seus obxectivos reducir a presenza das mulleres na ágora cibernética ou mesmo expulsalas. E, segundo as expertas do Comité consultadas, parece que o está conseguindo. Mari Álvarez Lires, profesora de didáctica das ciencias experimentais da UVigo, apuntou que “o nivel de agresividade, as ameazas contra usuarias, que acaban sentindo medo mesmo de saír á rúa a pesar de ser mulleres valentes, demostra que os grupos violentos están conseguindo os seus obxectivos”. Segundo Marta Macho, “moitas mulleres estanse afastando destes espazos e, ademais, logran enfrontar a feministas”.

Os ataques misóxinos crean unha situación que esixe a construción de espazos seguros, que constitúe un dos principais retos para estas plataformas dixitais. Ademais de controlar ou modular os seus posibles efectos nocivos, especialmente os que afectan á saúde mental das adolescentes. Con todo, Coral del Río acoutou o éxito dos grupos misóxinos organizados, sinalando que “se limitan, sobre todo, ao eido dixital”. Pola súa banda, María José Rodríguez Malmierca, responsable da Área de E-learning e Colaboración do CESGA, considerou que “son accións moi perigosas porque supoñen unha sobreexposición negativa para as vítimas e as súas contornas”. 

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.