#IGUALDADE

“Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?”

Xornada da Escola María Vinyals

Mércores 27 de abril, ás 18:00 h, no salón de plenos do Pazo provincial

En colaboración coa Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI)


AGAPI é a asociación empresarial precursora do sector audiovisual galego. Agrupa produtoras de cinema, televisión, publicidade e servizos, e contribúe activamente a consolidar e a desenvolver a industria de Galicia desde 1994. Foi pioneira en organizar uns galardóns anuais, os Premios AGAPI, que tiveron lugar entre 1996 e 2001. A asociación impulsou a creación da Academia Galega do Audiovisual, que se constituíu en 2003, cando os premios pasaron a chamarse Mestre Mateo. Nese mesmo ano, AGAPI creou a Agrupación Industrial Audiovisual Galego (CLAG). Coa vista sempre posta na internacionalización, a asociación axudou a que as produtoras galegas puidesen ter presenza no MIPCOM de Cannes, en 2004. En 2014 fixéronse vinte anos da súa fundación e, coincidindo con esa data tan sinalada, a asociación foi galardoada co Premio da Cultura Galega do Audiovisual, o máximo recoñecemento que lles outorga cada ano a Xunta de Galicia a entidades que destacan pola súa contribución cultural e histórica. Nestes vinte e sete anos a entidade levou adiante numerosas actividades e iniciativas.

AGAPI foi, e segue sendo, interlocutora activa coas administracións e televisións, tanto galegas coma estatais. A asociación organiza con frecuencia seminarios e xornadas de formación especializada centrados en aspectos creativos, innovadores e tecnolóxicos e, a súa vez, elabora un anuario, que serve como base de moitos traballos de investigación.

Así mesmo, colabora activamente con outras entidades, coma a Universidade de Santiago de Compostela, a Mesa Estatal de Asociacións, Culturgal ou a Entidade de Xestión de Dereitos dos Produtores Audiovisuais, entre outras. A asociación entende que o audiovisual é un sector estratéxico e de futuro para Galicia; tamén é industria cultural, na que se conxugan os intereses empresariais e culturais, e onde os dous elementos teñen a mesma importancia e forza.

Contexto: o momento das mulleres

O sector audiovisual vive un momento de esplendor a nivel creativo. Non obstante, as mulleres aínda seguen sendo pouco visibles en relación co seu excelente nivel de desempeño en labores tan importantes e necesarias coma a produción executiva ou a dirección.

Galicia conta con moitas mulleres produtoras executivas de filmes, un feito moi descoñecido mesmo dentro do propio sector. Así mesmo, nos últimos anos realizáronse un bo número de filmes de éxito dirixidos por mulleres galegas, coma A estación violenta, de Anxos Fazáns; Esquece Monelos, de Ángeles Huerta; Arima, de Jaione Camborda; A illa das mentiras, de Paula Cons; Nación, de Margarita Ledo; ou Luz Fandiño, a poeta analfabeta, de Sonia Méndez. Existen tamén, por fortuna, moitos títulos que chegarán nos vindeiros meses, coma O corpo aberto, de Ángeles Huerta; Valentina, de Chelo Loureiro; ou Behind Lucy, de Ruth Chao.

Que facer?

Ante esta situación, AGAPI acaba de rematar un documental de creación que leva por título Elas, produtoras executivas, no que se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa por elas mesmas. Foi financiado dentro dos proxectos do II Plan Xacobeo e polo momento non se estreou publicamente. Ten unha duración de 26 minutos e nel abórdase o empoderamento das mulleres que buscan establecer referentes femininos de éxito.

Da colaboración entre a Deputación de Pontevedra e AGAPI xorde esta actividade que contempla a proxección do documental Elas, produtoras executivas e un debate posterior sobre a dicotomía coa que se atopan as mulleres á hora de traballar na produción executiva dun proxecto, ao ter ás veces que elixir entre producir ou dirixir, ou mesmo facer ambas as funcións por necesidade e non por gusto.

A multitarefa cada vez máis estendida en todos os sectores non é allea ao audiovisual, no que as mulleres son sempre as maiores prexudicadas, xa que asumen moita máis carga de traballo da que é posible.

Desde a Escola de Igualdade María Vinyals parécenos interesante sumar sinerxías para afondar nesta cuestión e debater abertamente con testemuños directos de mulleres afeitas a traballar en posicións oscilantes entre a creatividade e a produción, ás veces difícil de equilibrar e conciliar coa propia vida persoal.

Actividades como esta permiten consolidar o sector audiovisual, mellorar a profesionalización das industrias culturais e creativas, e favorecer os vínculos e a cooperación e comunicación cultural entre iguais a través dun modelo formativo e de calidade impulsado polos propios axentes activos do sector.

Programa

  • Mércores 27 de abril, ás 18:00 h, no salón de plenos do Pazo provincial
  • Proxección do documental Elas, produtoras executivas
  • Mesa de debate: “Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?”
    • Ruth Chao, produtora e directora
    • Chelo Loureiro, produtora e directora
    • Paula Cons, produtora e directora
    • Jaione Camborda, produtora e directora
    • Modera: Uxía Caride, xerente de AGAPI

Sobre as relatoras...