
+Turismo, +deporte
Subvencións para organizar eventos deportivos
Dinamizando a provincia do deporte
O deporte é un alicerce estratéxico para a Deputación de Pontevedra, non só polo seu impacto na saúde e o benestar, senón pola súa capacidade para xerar dinamismo social e económico. Conscientes do valor das citas deportivas, esta institución ofrece un firme apoio á organización de eventos no seu territorio, que consolida Pontevedra como a provincia do deporte e un destino de referencia para o turismo deportivo. Este binomio, deporte e turismo, é clave para o noso desenvolvemento.
Para logralo, a Deputación articula o seu apoio a través de varias fórmulas principais. Por unha banda, convoca subvencións para clubs deportivos e federacións autonómicas e españolas destinadas á organización de competicións e eventos deportivos na provincia. Por outro, ofrece axudas ao sector dos eventos deportivos de gran relevancia, como partidos de seleccións nacionais, congresos deportivos ou probas singulares. Ademais, a institución dispón dunha liña de subvencións para financiar bens e servizos en campionatos ou eventos deportivos que se leven a cabo na provincia de Pontevedra. Esta preséntase como o escenario deportivo ideal grazas á súa riqueza natural: un interior idóneo para disciplinas de montaña e deportes na natureza, e a incomparable beleza da costa das Rías Baixas, perfecta para deportes náuticos e eventos a pé de mar, combinación única que converte a nosa provincia nunha contorna privilexiada para calquera competición, promovendo a marca “a provincia do deporte” e xerando un impacto económico e social significativo.
Con este compromiso, a Deputación de Pontevedra reafirma a súa aposta polo deporte como motor de desenvolvemento e cohesión, facendo de cada evento unha oportunidade para amosar o mellor da nosa terra.