Deporuta

DepoRutas BTT

A Deputación de Pontevedra, para desenvolver o Plan estratéxico de Deporte, elabora unha serie de programas para o fomento de hábitos saudables a través da práctica de actividade física deportiva en contacto coa natureza.

A provincia de Pontevedra esconde nos seus montes unha riqueza natural, ecolóxica e patrimonial inigualable. Por iso, a Deputación de Pontevedra anímate a participar no programa "DepoRutas BTT" 2019. Elixe a ruta que máis se adapte ás túas exixencias, sube á bici e prepárate para vivir experiencias únicas: "a vida é como montar en bicicleta, para manter o equilibrio hai que seguir pedaleando".

O programa "DepoRutas BTT" ofrece 5 rutas totalmente gratuítas e cun máximo de 300 participantes en cada unha.

Persoas beneficiarias

O programa está dirixido a todas aquelas persoas que gocen do deporte en contacto coa natureza; as "DepoRutas BTT" abren a posibilidade de viaxar doutra maneira nunha aposta pola actividade física como forma de vida para coñecer e descubrir a variedade patrimonial da nosa provincia.

O programa está dirixido a persoas, grupos de amigas e amigos ou familias, maiores de 16 anos, que se consideren aptas para levar a cabo a actividade. As e os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa representante ou titora legal; no caso de familias con varias fillas ou fillos bastará cunha persoa representante ou titora legal por familia.

Formalización da inscrición

As e os participantes poderán inscribirse a través da páxina web (www.depo.gal) a partir do día designado para tal efecto pola Deputación e ata completar o límite de prazas.

Ofertaranse un total de  300  prazas. Todas aquelas persoas que se apunten con posterioridade (ata un máximo de 100) pasarán á lista de agarda. O prazo de inscrición rematará o mércores anterior á realización da ruta ás 12 horas.

No caso de non poder asistir á ruta na que estea inscrita ou inscrito deberá comunicarllo ao Servizo de Deportes antes do peche de inscricións, o mércores anterior á realización da ruta ás 12 horas, enviando un correo electrónico co nome e o DNI a deportes@depo.gal; deste xeito pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de agarda. A partir dese día as persoas que renuncien ou non asistan á ruta serán sancionadas e quedarán automaticamente excluídas do resto de rutas.

Ás persoas participantes confirmaráselles a asistencia a través de www.depo.gal, coa publicación da lista definitiva, e vía SMS, mediante o programa "DepoInforma" da Deputación.

Funcionamento do programa

O programa "DepoRutas BTT" ofrece 5 rutas espectaculares pola provincia de Pontevedra.

A ruta seleccionada realizarase co equipo de persoal establecido pola empresa e inclúe os avituallamentos.

As rutas serán neutralizadas, estarán sinalizadas e deberanse seguir o itinerario e o ritmo marcados pola organización. Será rigorosamente obrigatorio o uso de casco protector durante todo o percorrido. O feito de non respectar esta norma suporá a exclusión da ruta.

Última modificación: venres, 31 maio 2019