#ADEPUTACIÓNDEPONTEVEDRA

O noso Goberno


Sustentabilidade e transición ecolóxica

A área de Sustentabilidade e Transición Ecolóxica é unha das prioridades do Goberno da Deputación, que traballará arreo cunha visión transversal en proxectos que axuden a protexer o medio. Os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU marcan a folla de ruta da institución provincial e impregnan as súas grandes actuacións. Gran parte dos fondos europeos solicitados e concedidos seguen esta liña de actuación e están a permitir desenvolver programas de formación, comunicación, sensibilización e concienciación.

Ademais, a Deputación puxo en marcha iniciativas coma "ESTRAEE", para a xestión de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos; programas de substitución da iluminación exterior por unha nova sostible, ou o cambio de caldeiras de gasóleo por caldeiras de biomasa. Tamén desenvolve proxectos para paliar os efectos do cambio climático coma "Agritox", destinado á prevención e mitigación da contaminación por micotoxinas de alimentos e pensos.

No marco da transición ecolóxica atópase o Plan Revitaliza, unha aposta polo medio que permite que os concellos xestionen os seus residuos dun modo sostible e económico mediante a compostaxe. Do mesmo xeito, a Deputación apoia o medio rural a través da formación, orientación e despegue de novas liñas de produción, e ofrece axudas para as actividades pesqueiras. A Finca Mouriscade e a Estación Fitopatolóxica Areeiro realizan tarefas de investigación sobre o medio. Ademais, o Goberno está a promover e implantar, cun elevado investimento, un novo modelo de mobilidade provincial.

 Mobilidade amable e espazos público

A Deputación de Pontevedra considera que o espazo público é un dereito fundamental da cidadanía ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación. Para iso ten en marcha a Rede Ágora de Concellos polo Espazo Público, que pretende incentivar aos concellos da provincia a adoptar decisións políticas a prol da recuperación do espazo público dos seus ámbitos urbanos e a utilización das mobilidades naturais, alternativas ás motorizadas.

O obxectivo final é incrementar de forma substancial o espazo reservado para as persoas, itinerarios peonís e ciclábeis e para iso ten postas en marcha iniciativas como a Facultade Ágora, diferentes liñas de subvencións para a redacción de proxectos e obras, os Premios Ágora de Fotografía, e publicacións e outras actuacións diversas.

Por diante están retos coma loitar contra a violencia viaria ou evitar a expulsión das persoas do espazo público ou o uso desmedido da mobilidade motorizada co consecuente aumento da contaminación ambiental, así como o cumprimento da Axenda Urbana 2O3O e dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible aprobados pola ONU.

Economía, innovación e emprego

economía, a innovación e o emprego constitúen unha área de máxima prioridade para o Goberno da Deputación. Así, no ámbito educativo, para apoiar a formación da xuventude, o talento e a inserción no mercado laboral a institución está a desenvolver proxectos coma "Labora 2020", "PracticumDepo", "DepoEmprende no ensino" e iniciativas de apoio ao autoemprego, ao pulo ás persoas investigadoras e innovadoras e á mobilidade do alumnado.

Neste eixe enmárcase o programa "SmartPeme", dirixido a persoas autónomas, emprendedoras e micropemes da provincia de Pontevedra que, mediante unha axuda tecnolóxica real e funcional, está a permitir a potenciación do desenvolvemento económico provincial a través das TIC. Outras liñas de acción canalízanse a través dos viveiros de Barro e de Lalín, a Escola de Cantería e a Escola de Enfermería. Os espazos de coworking de Barro e de Lalín impulsan proxectos prometedores na súa fase temperá e axudan as persoas emprendedoras, a través da cesión de espazos, medios e asesoramento, a levalos a bo fin.

Na área de Turismo séguese a traballar no Plan estratéxico para afondar na innovación coa finalidade de chegar a un destino internacional, intelixente e innovador. Mantéñense, ademais, liñas de emprendemento no sector (TURISTIC e a aceleradora de empresas).

Igualdade

A igualdade é unha prioridade na acción de Goberno da Deputación, que en 2015 implantou por primeira vez esta área na estrutura da institución. O Servizo de Igualdade é o eixe central das políticas para favorecer unha sociedade na que non se discrimine por razón de xénero. Ademais, a igualdade é unha aposta transversal, que toca todos os departamentos.

A Escola María Vinyals, xa consolidada, foi pioneira no traballo realizado desde unha institución pública para mellorar o coñecemento do que significa a igualdade. A Deputación, xunto á Universidade de Vigo, creou ademais a Cátedra Feminismo 4.0, que reforzará o protagonismo das mulleres investigadoras nas áreas STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas).

O programa "Violencia zero" é unha iniciativa para concienciar a xuventude e a cidadanía en xeral, a través de accións artísticas, da necesidade de acadar unha sociedade na que non haxa espazo para a desigualdade. A Deputación conta, ademais, cun plan de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e cun protocolo para a prevención do acoso laboral, sexual e por razón de sexo.

En todas as súas comunicacións internas e externas a Administración provincial coida a igualdade na linguaxe, que segue os parámetros da Guía de comunicación inclusiva.

Avance sociocultural e deportivo

Atención á diversidade en todas as súas manifestacións. A Deputación converteu a inclusión nunha liña fundamental da acción de Goberno e situou no centro das súas políticas as persoas que afrontan máis dificultades de integración. A formación de menores en situación de risco ou exclusión social no Centro Príncipe Felipe ve reforzado o seu peso, ao tempo que se asume o compromiso de defender os dereitos do colectivo LGTBIQ.

A institución traballa en novas políticas para dar resposta á urxencia social do despoboamento e amplía a atención ao envellecemento activo para coidar as persoas maiores da provincia con proxectos coma "Depo en marcha", "Depotermal" e o novidoso "Tecendo lazos", que propicia o encontro entre persoas de distintas xeracións.

A través do programa "Musigal" a Deputación fomenta a participación de artistas que fan música en galego na programación cultural dos concellos. Con iso promóvese a lingua e, ao mesmo tempo, préstase atención á igualdade de xénero. No ámbito da cultura destaca tamén o programa "Pontegal", configurado como un inventario de grupos, artistas e compañías culturais da provincia para impulsar a súa actividade artística.

O coidado do patrimonio e da memoria histórica segue a ser o sinal de identidade dunha Deputación que traballa para garantir o acceso da veciñanza á cultura e á arte, e que está a reforzar o Museo de Pontevedra para implicar aínda máis a sociedade.

A renovación de instalacións deportivas, a promoción do deporte de base e as alianzas con proxectos individuais e colectivos seguiranse facendo de forma transparente e con criterios de concorrencia. O programa "DEPOrte escolas" segue a reforzarse como un dos símbolos da institución, sen esquecer a aposta por eventos deportivos internacionais que axudan a consolidar a imaxe de Pontevedra no mundo e atraen turismo familiar e desestacionalizado.

Asistencia económica e técnica aos concellos

Un dos principais obxectivos da Deputación é apoiar os concellos para que lle presten un servizo eficaz á veciñanza, sempre con escrupuloso respecto ao equilibrio intermunicipal e coas mesmas regras para todas e todos, nas que prima a claridade e equidade na xestión do diñeiro público.

O Plan Concellos é o eixe central da asistencia aos municipios con tres liñas de axuda para os concellos con menos de 50.000 habitantes a través de investimentos, apoio financeiro para actividades e gastos correntes e fomento do emprego para a conservación de bens e servizos. Os gobernos municipais dispoñen dunha ampla marxe de decisión sobre como administrar os fondos, en estrita concorrencia competitiva, ao coñecer de primeira man as necesidades da veciñanza. A Deputación préstalles especial atención aos concellos de maior tamaño, que precisan máis recursos para sosterse e salvagardar os seus servizos.

Ademais, o Servizo de Asistencia Intermunicipal (SAIM) préstalles un valioso asesoramento técnico e de persoal a todos os concellos da provincia.

Balance dos anos de goberno