A Deputación pide ao delegado do Goberno en Galicia apoio para a ampliación do Museo de Pontevedra

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente Mosquera solicitan ao Goberno central que participe activamente no financiamento das obras

27/01/2022

A Deputación de Pontevedra, a través da súa presidenta Carmela Silva e do vicepresidente César Mosquera, solicitou hoxe publicamente ao delegado do Goberno en Galicia José Manuel Miñones apoio para levar adiante a ampliación do Museo de Pontevedra. Aproveitando a súa visita á cidade do Lérez para unha reunión cos concellos sobre fondos europeos, a presidenta puxo “a pelota no tellado” do delegado solicitando a súa implicación na petición de colaboración ao goberno central.

Segundo Silva a ampliación do Museo, tanto no referido á rehabilitación dos edificios centrais –agora case en ruína- como á consecución dun novo inmoble que dea acollida á colección de arqueoloxía, “é moi importante” para a Deputación, xa que “non hai museo provincial en toda España como o de Pontevedra, onde está toda a historia patrimonial de Galicia, non só a de Pontevedra”.

A mandataria provincial subliñou que a Deputación precisa que “unha vez máis, como xa o fixo no seu día o Goberno do Estado coa anterior ampliación, que este participe activamente para que esta nova ampliación poida facerse”.

Silva xustificou a ‘espontánea’ petición ao delegado asegurando que, pese a que está solicitada formalmente unha entrevista co ministro de Cultura Miquel Iceta, é preciso aproveitar a visita de representantes institucionais “para poñer grandes proxectos enriba da mesa e seguir sendo unha provincia de referencia”.

Nesta semana, a presidenta Silva e o vicepresidente Mosquera remitiron ao Executivo Central unha misiva na que solicitaron ao responsable da carteira de Cultura e Deportes unha reunión presencial para explorar posibles vías de colaboración. A intención é que Iceta poida coñecer as propostas provinciais ben nun encontro en Madrid ou ben nunha reunión en Pontevedra, onde atendería de primeira man as explicacións sobre as potencialidades, instalacións e as necesidades do Museo.

Silva e Mosquera lembraron que para a ampliación e mellora realizada no Museo con anterioridade o Ministerio de Cultura achegou  a través de diversos convenios máis de dez millóns de euros entre os anos 2003 e 2009.