A Deputación e UNICEF da man nun novo programa que este ano dará resposta ás necesidades humanitarias da infancia en Ucraína

Carmela Silva:” É unha obriga apoiar a organizacións como UNICEF, á que a sociedade tanto lle debe, e farémolo axudando a cubrir as demandas de nenas e nenos de Ucraína que tanto están sufrindo”

16/06/2022

Unicef

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova colaboración con UNICEF neste 2022 a través do programa “Emerxencia en Ucraína. Resposta ás necesidades humanitarias da infancia: subministracións esenciais de saúde e nutrición” da ONG. Con esta iniciativa, á que a institución provincial destina 15.000 €, “imos axudar con elementos básicos dirixidos a persoas que se atopan nunha situación de absoluta vulnerabilidade, cubrindo as demandas de nenas e nenos de Ucraína que tanto están sufrindo”. Así o asegurou a presidenta Carmela Silva xunto a Irene Marín, coordinadora autonómica de UNICEF en Galicia, e Coro González, responsable de proxectos de Cooperación de UNICEF en Galicia, que detallaron que a colaboración aséntese  na “atención médica e nutricional tanto á infancia como as súas nais e mulleres embarazadas”.

Carmela Silva, que recordou a dureza das guerras e das súas consecuencias, incidiu en que a cidadanía de Ucraína non ten garantidas cuestións básicas para poder vivir e por iso este ano a colaboración da institución provincial céntrase no programa de atención á saúde e a nutrición que ten en marcha a ONG no país. “Pónseme os pelos de punta –asegurou a presidenta-, non se lle está a prestar xa a atención que merece esta guerra, ten desaparecido das portadas, como se tivera rematado e non, segue habendo unha guerra, que nestes momentos seguramente é máis dura que nunca e que está a xerar moito sufrimento. Non podemos mirar para outro lado, é intolerable”. Por estes motivos, Carmela Silva afirmou que “é unha obriga apoiar a organizacións como UNICEF, á que a sociedade tanto lle debe” e adiantou que “o mundo local non pode mirar cara outro lado, compétenos humanamente, e por iso reforzaremos a relación coa ONG”.

Pola súa banda a coordinadora autonómica de UNICEF en Galicia, Irene Marín,  recordou que son 5,2 millóns de nenos e nenas en Ucraína e países veciños de acollida os que precisan axuda humanitaria. “Levamos xa moitos anos no país, dende que estalou a guerra no Donbás fai oito anos, e temos aumentado o noso equipo para dar resposta á poboación, con artigos de auga, saneamento, kits cirúrxicos e obstétricos, pero tamén con alimentos, roupa, materiais educativos, de ocio, axudas en efectivo e apoio psicolóxico”, asegurou. Irene Marín tamén detallou que coa axuda da Deputación vanse poder subministrar kits de emerxencia, kits de primeiros auxilios, kits de partos para dar resposta a ata 100 partos, kits de primeiros auxilios, galletas nutricionais e suplementos como o ferro e o ácido fólico. “Falamos de que hai 145.000 nenas e nenos que precisan xa urxentemente apoio nutricional”, explicou ao tempo que fixo un chamamento a “non deixar de poñer foco en que hai unha guerra en Ucraína e é moito o traballo que temos por diante”.

Balance do proxecto en Siria

Durante o 2021 a colaboración da Deputación e UNICEF centrouse en Siria, subministrando elementos básicos para previr a infección por covid, dende artigos de hixiene ata equipos de protección. En total, tal e como explicou a coordinadora de Unicef en Galicia, grazas á axuda da Deputación “reducimos a transmisión e a mortalidade da covid, chegando a 1.500 persoas, que son 300 familias con kits de hixiene e acceso a auga. Por outra banda, actuamos nos hospitais e centros de saúde facilitando medios de protección ao persoal sanitario ante a covid beneficiando con elo de xeito secundario a máis de 50.000 persoas”.

Galerias de imaxes

audios