A primeira radiografía da violencia machista dixital no sur de Galicia revela ata tres tipos de ataques ás mulleres: do “mansplaining” á “manosfera”

Carmela Silva: “O informe do Observatorio Stop Machitroles é moi potente, acredita que os espazos tecnolóxicos e as redes sociais non son lugares seguros para nós e permitiranos estruturar respostas fronte a estas vías de agresión intolerables”

27/01/2022

Machitroles
 

Violencia individual contra as mulleres só polo feito de selo (como o ciberacoso ou o mansplaining); violencias para controlar a sexualidade (como compartir imaxes íntimas sen consentimento e a sextorsión); e misoxinia virtual na chamada machoesfera ou manosfera para impoñer un discurso do odio fronte ao feminismo. Son os tres tipos de ataques que identificou, a través do estudo dos datos recollidos de vítimas anónimas, o informe do Observatorio Stop Machitroles da Cátedra de Feminismos 4.0., da Deputación e a Universidade de Vigo, na que é a primeira radiografía realizada no sur de Galicia sobre a violencia machista dixital. “É un informe moi potente, que acredita que os espazos tecnolóxicos e as redes sociais non son lugares seguros para nós, e vainos permitir estruturar respostas fronte a estas vías de agresión intolerables”, destacou a presidenta provincial, Carmela Silva, na presentación das conclusións do informe celebrada na sede da institución en Vigo. O acto foi clausurado polo reitor Manuel Reigosa, quen cualificou de “moi preocupantes” as conclusións do estudo e afirmou que o traballo da Deputación e a institución académica a través da Cátedra “vai seguir arroxando luz sobre o camiño a seguir para lograr unha sociedade igualitaria”.

A directora da unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda Gómez, detallou as conclusións do informe na presentación, na que interveu por vía telemática Elisa García-Mingo, profesora da Universidade Complutense de Madrid especializada en socioloxía do xénero e da violencia e experta na manosfera, territorio virtual composto por foros, redes, paxinas ou blogs no que se reforza o discurso hostil cara ás mulleres.  “É un grandísimo conglomerado de espazos de misoxinia, con capacidade de organizar os seus usuarios e que actúa con intención tóxica”, advertiu, para apuntar que, ademais, disfraza a agresividade do seu discurso “con victimismo masculino”. García-Mingo referiuse tamén ás violencias sexuais dixitais e advertiu de que  “banaliza a violación e o acoso, crea terror e controla as vidas das mulleres e as rapazas”.

“Aportar coñecemento”

A presidenta da Deputación explicou que “cada vez que as mulleres nos pronunciamos nos espazos dixitais, particularmente sobre a igualdade, somos atacadas e cuestionadas con comentarios patriarcais, machistas, e ás veces con ameazas que fan que nos sintamos moi mal, ata o punto de sentir medo e ver condicionada a nosa experiencia vital”. Ante esta realidade destacou que “hai que aportar análise e coñecemento, facer estudos e ter claras as vías de ataque, por iso este informe é tan importante”. Ademais, subliñou que “precisamos de normas e lexislacións para que os nosos dereitos non sexan pisoteados, e é necesario que as administracións tomen conciencia para responder esta situación”. Carmela Silva volveu recoñecer o compromiso coa igualdade do reitor, a quen cualificou de “home verdadeiramente feminista” tras sinalar o responsable da institución académica que é preciso manter unha permanente “escoita activa” do discurso das mulleres a prol dos seus dereitos. “Dá exemplo con palabras e tamén con xestos e feitos”, explicou a presidenta.

O reitor declarouse “orgulloso” por este recoñecemento e polo traballo que están a facer ambas institucións, particularmente a través da Unidade de Igualdade e a Cátedra de Feminismos 4.0. “Hai que seguir traballando, recollendo información. Aspiramos a que as rapazas e rapaces leven unha mensaxe de igualdade ao saír das aulas e animámosvos a que nos digades o que hai que facer”, manifestou, tras lembrar que a igualdade figura por unanimidade como un dos eixos do Plan Estratéxico da Universidade de Vigo.

Ataque á cátedra

García-Mingo explicou que a propia Cátedra de Feminismos 4.0. sufriu o ataque da manosfera en 2021 un día despois da presentación do Observatorio Stop Machitroles. “Un usuario galego pegou a noticia en Forocoches, onde se repiten ata a saciedade mensaxes misóxinas, e organizouse o ataque, invitando a cubrir o formulario para hackear a web e facendo comentarios denigrantes contra as profesionais”, relatou. A experta considera moi preocupante que “os mozos acoden á manosfera cando queren informarse sobre igualdade de xénero, e este lugar ten un forte compoñente misóxino que elabora un tecido afectivo en torno á rabia masculina”.

As conclusións do informe

O estudo do Observatorio Stop Machitroles –que está dispoñible íntegro na web da Cátedra nesta ligazón– detectou por unha banda ataques machistas individualizados á mulleres só polo feito de selo. Estas agresións tratan de desvalorizar, difamar e minar a reputación e os logros femininos e son frecuentes contra xornalistas, políticas, artistas, deportistas ou académicas. Empregan fórmulas como o ciberacoso ou cyberbullying, mansplaining, hatespeech, flaming, e-bile, doxxing, crackeo de contas, acusacións falsas, ou mesmo a suplantación de identidades e a utilización de programas espía para controlar os movementos en liña das mulleres.

O segundo tipo son as violencias sexuais dixitais, destinadas a controlar os corpos, goce e sexualidade das mulleres. Comentarios, acoso e insultos de carácter sexual e ameazas de violación, distribución de imaxes íntimas sen consentimento, captación online, rexistro e difusión de agresións sexuais a mulleres con fins de trata para a prostitución, sextorsión, grooming con menores e pornografía figuran entre este tipo de ataques machistas. En moitos casos as persoas que perpetran esas accións proceden do ámbito próximo da muller agredida: exparellas, familiares, compañeiros de estudos ou de traballo, veciños ou clientes.

O terceiro tipo é a misoxinia virtual organizada, tamén coñecida polo termo machoesfera ou os anglosaxóns manhood e manosfera. Trátase dunha estratexia destinada a facer hexemónico o discurso de odio misóxino e a violencia simbólica no espazo virtual e silenciar, invisibilizar e disciplinar as retóricas das mulleres feministas na paisaxe dixital. A través dun patrón estrutural organizado e altamente sofisticado a nivel tecnolóxico, atacan servidores, sitios web e contidos, conseguen peche de contas e executan accións masivas contra discursos e perfís feministas.

Traballo da Cátedra

A directora da Unidade de Igualdade advertiu de que “aínda que a violencia dixital poida semellar menos perigosa para as mulleres ao non existir dano físico, as consecuencias poden ser devastadoras para a saúde física e psicolóxica”. A Cátedra está a traballar contra estes ataques como laboratorio de ideas e ferramentas feministas, creando liñas de axuda como o Observatorio Stop Machitroles como medio de visibilización e denuncia; afondando no coñecemento científico desta realidade; e dando voz a mulleres expertas que están a liderar a construción dun espazo virtual igualitario. “Ademais a Cátedra impulsa estratexias e campañas nas redes e crea produtos culturais feministas con creatividade e retranca para potenciar o contradiscurso das mulleres feministas no mundo dixital”, remarcou Águeda Gómez.

No ámbito das actividades da Cátedra celébrase esta tarde de 16h a 18h un obradoiro de autodefensa dixital en formato on line a cargo do colectivo Donestech.