Fundación Amigó

Obxecto

A Fundación Amigó é unha entidade sen ánimo de lucro, fundada en 1996, cuxa misión é contribuír á mellora das persoas en situación de exclusión e á transformación social ao actuar principalmente coa infancia e coa mocidade en dificultades, así como coas súas familias. O traballo da fundación baséase en promover e defender os dereitos humanos e, especialmente, a infancia, e desenvólvese mediante unha intervención socioeducativa e psicosocial. Dentro das áreas de intervención, o labor levado a cabo na provincia de Pontevedra enmárcase dentro dos programas de intervención familiar e atención á violencia filio-parental.

Cómpre salientar o “Proyecto Conviviendo”, que é un servizo gratuíto de resolución positiva dos conflitos entre adolescentes e as súas familias, que se desenvolve en Madrid, A Coruña, Vigo, Bilbao, Torrelavega, Castelló de la Plana, Valencia e Alacant. Trátase dunha proposta socioeducativa e terapéutica que pretende darlles unha resposta especializada a aquelas familias que se atopan en situacións de conflito entre as e os proxenitores e as súas fillas e fillos, especificamente en situacións de violencia filio-parental. Estes conflitos poden estar causados por diferenzas xeracionais, falta de comunicación, desestruturación e desaxuste dos roles parentais, comportamentos desadaptados das e dos adolescentes ou calquera circunstancia que provoque que esta convivencia sexa fonte de desaxustes persoais e relacionais.

Persoas

O proxecto está dirixido a aquelas familias cuxas fillas e fillos teñan entre 10 e 18 anos. O acceso ao recurso é gratuíto e voluntario, e teranse en conta diferentes criterios, especialmente a gravidade do conflito e as familias en situación de risco ou exclusión social.

Actuacións

O proxecto engloba dúas grandes liñas de intervención:

  • Prevención e orientación: actuacións e pautas encamiñadas a reducir ou minimizar os efectos negativos dos conflitos familiares. Lévanse a cabo a través de obradoiros grupais (alumnado, familias, profesionais…), campañas de sensibilización, e elaboración e difusión de materiais relacionados coa violencia filio-parental.
  • Intervención socioeducativa e terapéutica con familias e menores: naquelas situacións onde a violencia das fillas e fillos cara ás súas figuras de referencia adultas esté presente nalgunha ou en varias das súas formas.

Datos de contacto

Rúa Purificación Saavedra 15, baixo (preto do Mercado de Teis), 36207 Vigo