null Edificio Fernández López

A DEPUTACIÓN

Edificio Fernández López

información

  • Rúa Pasantería, 2-10 - 36002
  • 986 804 100

Servizos

En 1961 acórdase adquirir o terreo número 10 da rúa Pasantería, a casa número 8 e mais o terreo anexo. O proxecto definitivo apróbase o 25 de abril de 1962. Para executalo cóntase coa xenerosa contribución económica de José Fernández López, quen lle dará nome ó inmoble segundo o acordo unánime do Padroado. Estas obras rematan a finais de 1965.

O edificio, de nova planta, a base de cantería de pedra, conta cun baixo e dous pisos que forman soportais en parte da fachada principal cara ó Castro Monteagudo. Sobre piares cuadrangulares apoian cinco ocos á fronte e un ó lateral dereito, cunha ventá e tres portas de acceso frontais e outras tantas xanelas pequenas cara á rúa Pasantería.

No primeiro piso, sostido por piares, igual ca no segundo, ábrense catro ventás en cada unha das fachadas laterais e tres a cada un dos lados dunha porta que sae a un balcón centrado na principal. No piso superior hai os mesmos vans laterais que no primeiro e tres portas que dan a cada un dos dous balcóns que flanquean o escudo da capital.

A parte correspondente á casa número 8, malia estar integrada no novo edificio, recibe un tratamento individualizado. Mantéñense a liña primitiva na rúa Pasantería e a altura da súa fachada, con porta e ventá na planta baixa e no piso dúas ventás e balcón con porta -no lintel figura unha inscrición coa data de 1714-; a altura da nova edificación acádase por medio dun recuado.

A fachada principal sofre unha importante remodelación no seu aspecto en 1972, cando se instalan nos soportais os arcos sobre semicolumnas arrimadas ós piares, procedentes do pazo dos marqueses de Leis de Campolongo.

Conserváronse a configuración e as liñas primitivas da fachada pola rúa Pasantería, mais as portas laterais convertéronse en ventás expositores que manteñen a altura de baixo e piso. Logo, por medio dun recuado, constrúense dous pisos máis, altura que se fai patente pola rúa Laranxo, e ábrense tres e dous vans en cada piso a cada unha das fachadas.

Unha nova e definitiva ampliación ten lugar na década dos noventa. Coa adquisición do inmoble número 4 da rúa Pasantería acádase a totalidade do bloque, tal como pretendía en 1962 o benfeitor José Fernández López, quen, con boas perspectivas de futuro, así llo manifestara por carta ó director, José Filgueira Valverde.

As obras foron acometidas pola Deputación coa colaboración da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, e concluíron en 2002. Respectáronse as fachadas cos seus ocos, tanto na rúa Pasantería coma na Laranxo, e o espazo que ocupaba o xardín polo sur cara ó paseo Antonio Odriozola. Para os novos volumes empregáronse estruturas acristaladas e para a cuberta cobre, compaxinando así tradición e modernidade.